O mar e as profundidades oceánicas son a temática que atravesa este ano o festival e toda a nosa programación aproxímase, desde diferentes perspectivas, a iso. O filme Veinte mil leguas de viaje submarino (Stuart Paton, 1916), musicado en directo pola formación efímera Submarina de Improvisación (Xavier Bértolo –tecrldos e sintetizadores–, Paulo Pascual –theremin– e Saúl Puga –contrabaixo–) abrirá a nosa vixésima primeira edición, un live cinema ideado expresamente para a noite inaugural.
A producción, baseada na obra homónima de Julio Verne, contou cos traballos técnicos de John Ernest Williamson, quen só un ano antes desenvolvera o primeiro sistema de fotografía e filmación subacuática. Precisamente este encontro innovador entre ciencia e arte é o motivo principal para a elección deste filme e é unha das converxencias que o festival quere explorar a través de diversas actividades.
A temática mariña e científica complétase cos espectáculos audiovisuais:
Sesión Seguir un cable e soterrarnos no mar a cargo do artista e docente Mario Santamaría
Santamaría, residente en Barcelona, expuxo en cidades como Stuttgart e Londres. Na súa charla en Santiago de Compostela, tratará como Internet componse dunha serie de materiais, construcións e intervencións que se ocultan a simple vista; desde edificios anodinos no centro das nosas cidades, ata praias urbanas onde os cables submarinos que conectan países e continentes están soterrados baixo a area. Mario Santamaría propón una deriva seguindo os nosos propios datos para coñecer a infraestrutura global das telecomunicacións.
Esta sesión completarase coa proxección de Deep Down Tidal (Tabita Rezaire, 2017), un vídeo-ensaio estilo net.art, que tece narracións cosmolóxicas, espirituais, políticas e tecnolóxicas sobre a auga e o seu papel na comunicación, entón e agora. A peza aborda como esta rede de cables submarinos facilita a acumulación e expansión do poder capitalista.
Instrumentos de Visión: metodoloxías e analoxías entre a ciencia e a fantasía
Esta sesión especial estará organizada en colaboración co Art.Lab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) a partir da súa exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke e comisariada por Mónica Bello desde Arts at CERN. A actividade contará coa participación do físico teórico Carlos Salgado, director do IGFAE; Luísa Martínez, Responsable de Cultura Científica de CSIC-Galicia e o investigador e artista sonoro, Xoán-Xil. A conversa partirá do traballo exposto por Linke para facer unha analoxía entre os instrumentos da visión científica e as ferramentas da visión e da filmación e, a partir de aí, afondar nas analoxías e diverxencias dos métodos de investigación artística e científica.
Sesión Futuros dos fondos mariños: Ciencia e ficción nas dimensións profundas a cargo da oceanógrafa, escritora e artista Mae Lubetkin
Lubetkin revelará as historias e os estudos do proxecto Seafloor Futures, realizado a través de obradoiros, co-fabricación, reconstrución 3D, animación, deseño de son, traballos escritos e unha base de datos 3D recompilada a partir do seu estudo dos hábitats mariños. Deste xeito, xéranse contrarrelatos e imaxinarios mergullados que reconfiguran a nosa relación cos mundos do fondo océano ao tempo que propoñen futuros anti-extractivos.
O traballo artístico de Mae Lubetkin dialoga e entra en tensión coa ciencia. Lubetkin, xeóloga mariña e experta en captación de imaxxes submarinas, é artista residente do Thyssen-Bornemisza Art Contemporary TBA21 en colaboración con Ocean-Archive.
Expedición metaturística a cargo da antropóloga Valeria Mata e do artista Marcos PTT
Como colofón das sesións Especiais, propoñemos un paseo polas rúas da cidade para facer turismo do turismo. Unha deriva desde a etnografía, a escoita e o xogo da man da antropóloga Valeria Mata e do artista Marcos PTT.
Nesta Expedición Metaturística, saímos á rúa e exploramos a nosa cidade na procura deses lugares de fricción cidadá coa intención de repensar o público e aportar un gran de area na construción de novos imaxinarios urbanos e sociais para Compostela.
Organizado en colaboración co colectivo Galiza Emocional.