Presentámosvos o programa de espectáculos audiovisuais da vixésimo primeira edición de Curtocircuíto:
Vangarda internacional: 33EMYBW (Sanghai), Joey Holder (Gran Bretaña), Riccardo Giovinetto, (Italia), Alessandra Leone (Italia) Zoë Mc Pherson (Francia, Irlanda) e ¥ØU$UK€ ¥UK1MAT$U (Xapón).
Artistas visuais e sonoros da escena galega e estatal: Iván Torres Hernández, Andrés Rodrigues, Xoán-Xil, Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), Emil Saiz, Judith Adataberna, Javi Álvarez, Irene de Andrés e Mwëslee.
Todas as actividades, entre o xoves 3 e o domingo 6 de outubro no Teatro Principal e na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
A artista visual 33EMYBW inspírase na música de baile moderna, na música tradicional e nunha ampla gama de materiais visuais para xerar deseños de son experimentais. Actuará xunto coa londiniense Joey Holder, artista cuxo traballo suscita cuestións filosóficas relacionadas co futuro da ciencia.
Alessandra Leone e Zoë Mc Pherson presentarán Pitch Blender, un espectáculo audiovisual no que achegan experimentos cibernéticos á pista de baile, entre o rave e o espazo artístico, que poboan o recente álbum homónimo de Zoë.
O fundador do dúo de música electrónica Ozmotic, Riccardo Giovinetto, presentará Femina, o seu primeiro proxecto en solitario, unha obra que adopta múltiples formas, como performances audiovisuais, instalacións e composicións para concertos.
Considerado un dos mellores do mundo por moitos dos seus colegas, o DJ xaponés ¥ØU$UK€ ¥UK1MAT$U traballa cunha inmensa variedade de xéneros para xerar conexións alucinantes.
O mar e as profundidades oceánicas a través de catro perspectivas.
Curtocircuíto comisará o espectáculo The Dance of the Witches, na que o músico Emil Saiz e a artista visual viguesa Judith Adataberna reinterpretan en directo a obra submarina do mítico cineasta e biólogo francés, Jean Painlevé. Esta proposta tece un espectáculo no que as texturas xeradas pola guitarra de Saiz se fundirán coas imaxes propostas por Adataberna.
URHO é un proxecto performativo que se basea en sons e imaxes gravadas polo artista audiovisual afincado en Santiago, Iván Torres, a bordo do rompexeos finlandés URHO. A proposta contará coa participación dos músicos e artistas sonoros Andrés Rodrigues e Xoán-Xil.
O dúo formado por Irene de Andrés e Javi Álvarez, achéganos Dopo la pausa (AV), a versión en directo da película realizada por De Andrés. Esta peza formúlase como unha travesía polo Mediterráneo occidental seguindo a evolución da turistificación desde un cruceiro. A película será musicada en directo por Álvarez.
O dúo BROMO, formado por Paloma Peñarrubia (música) e Azael Ferrer (visuais), proporá CRISPR the Pattern of Life. Un espectáculo que, máis alá da música experimental e da arte xerativa, propón un enfoque practicamente documental que nos mergullará no coñecemento dos sistemas CRISPR, un dos avances máis apaixonantes da historia da biotecnoloxía.
A programación musical de Curtocircuíto 2024 complétase con Diego Cobo, tamén coñecido como Mwëslee, un dos produtores de música electrónica e DJ máis distinguidos do panorama galego. Residente en Vigo, as súas creacións combinan elementos do RnB futurista, electrónica de alta gama e unha sensibilidade próxima ao avant-jazz.