#programación

Menú

Púlsar

Autodestruirse para existir

Brais Romero Suárez

But, tell me, just what is it that you want to do?

The Wild Angels

O cinema sempre foi lugar para descargar a frustación e o sentir das xeracións máis novas. Quizais unha das escenas máis icónicas que recolla este descontento sexa a secuencia na que Heavenly Blues dos Wild Angels encara ao cura que conduce o enterro do seu amigo cando este pregunta que queren facer coa súa vida. Esta secuencia queda gravada na retina e na memoria dos espectadores como un berro para entender ás novas xeracións. Porén, máis de trinta anos separan esta película da xeración da que imos falar aquí, a milenial. E é bastante evidente que os paradigmas establecidos de nada serven para definir o que está a suceder agora mesmo.

Para empezar a describir o universo creado polos cineastas Caroline Poggi e Jonathan Vinel é necesario comezar pola importancia do dixital. Internet deixou de ser un medio de comunicación para ser unha estética á hora de ver as cousas. Escenarios virtuais onde poder descargar historias que só ocorren na mente das nosas protagonistas, lugares onde todo é modificable e axustable ao desexado. En Martin pleure vemos como o protagonista canaliza a súa ruptura dentro do universo do Grand Theft Auto V nun colapso emocional que vai desde conducir a altas velocidades ata chocar contra as árbores ata comezar un espiral de violencia arbitraria contra os peóns. O mesmo sucede en Notre amour est assez puissant, onde as secuencias dun tiroteo masivo son acompañadas por unha voz que fala do amor. Aquí non hai diferencia entre quen fala e as imaxes, porque o que fala, está vivindo nesa realidade. O dixital, os videoxogos neste caso, son máis reais que a propia realidade física, permitindo canalizar as emocións.

Emocións que, por outra parte, son maiormente violentas. Se algo destaca do cinema de Poggi e Vinel é o uso da violencia de forma transversal e central a toda a súa obra. Desde os pequenos conatos pirómanos duns nenos en Toys on Fire, o arrebato asasino de Chiens ata o universo distópico de Jessica Forever, a violencia forma parte dunha forma de entender a vida e concebir as relacións. Unha violencia que, por outra banda, non se amosa como un impulso descontextualizado ou psicótico, senón que é a resposta á herdanza dos nosos pais. Isto refléxase de forma moi explícita en Notre heritage, onde Lucas, o fillo do pornógrafo Pierre Woodman, convida á súa amiga Anaïs a pasar uns días aproveitando que a casa está baleira. 

Quizais sexa aceptar que somos, en parte, o reflexo dos nosos pais o que xera en nós esa violencia, esa necesidade de incendiar todo ao noso paso para, sobre as cinzas, reconstruír algo novo. Ou quizais sexa todo isto o que fai desta unha xeración nihilista. Marcados polas constantes crises, económicas e sentimentais, o futuro adulto antóllase tan lonxano que todas as preocupacións son o máis superficiais posibles… ou iso semella aparentemente. Filmes como Bébé colère, aínda que vestido cunha estética infantil, non deixa máis que reflexar o desapego cun mundo do que non queremos nin pedimos participar. Un mundo disfuncional no que o único que queremos é a aceptación, sentirnos parte de algo maior sexa o que sexa isto.

Entrar nos filmes de Caroline Poggi e Jonathan Vinel é aceptar entrar nun mesmo… se pertences a esta xeración, a milenial. É entender que o que estás a ver é unha proxección dos teus máis escuros pensamentos, unha recreación dos episodios que preferirías ter esquecido e unha catarse ao entender que non estás só. Se non formas parte desta xeración, só hai dúas posturas: ou aceptas intentar entender, ou aí está a porta. Non fas falta. Non es necesario. Podes seguir intentando culparnos de todos os males, pero ti es o culpable. Non pedimos estar aquí, pero vós insitistes en traernos a este mundo. Somos o resultado de todos vós e, por isto, queremos acabar con nós mesmos.

Ler máis Ver menos
Salón Teatro

Duración: 83m 35s

Toys on Fire

Xoguetes en chamas

Caroline Poggi

  • 2016
  • 01:00
  • Francia
  • FIC
  • COR

Durante as vacacións os rapaces da vila reúnense no centro de animación para xogar xuntos.

Estrea en España

Le malentendu

O malentendido

Caroline Poggi, Jonathan Vinel

  • 2020
  • 09:00
  • Francia
  • VIDEOCLIP
  • COR

Dúas mulleres viven o final da súa amizade. Unha misteriosa cerimonia volverá unilas de novo.

Notre amour est assez puissant

O noso amor é o suficientemente poderoso

Jonathan Vinel

  • 2014
  • 09:00
  • Francia
  • ANI
  • COR

Unha parodia da imaxinería bélica dos xogos de disparos en primeira persoa, como Doom, que desborda o romanticismo das imaxes dun tigre "weerasethakuliano" xerado por ordenador.

Notre héritage

O noso legado

Caroline Poggi, Jonathan Vinel

  • 2015
  • 24:11
  • Francia
  • FIC
  • COR

Lucas é o fillo do afamado pornógrafo Pierre Woodman. Velaquí a súa historia.

Martin pleure

Martin chora

Jonathan Vinel

  • 2017
  • 16:24
  • Francia
  • ANI, EXP
  • COR

Imaxina que un día te ergues e todos os teus amigos desapareceron. Os amigos que terían que estar non están. Entón, buscas, buscas por todas partes: en cada acocho, en cada recuncho da cidade, en todos os pantanos, en todos os ríos. Buscas pero non os atopas.

Chiens

Cans

Caroline Poggi

  • 2013
  • 24:00
  • Francia
  • FIC
  • COR

Nun país de montañas e bosques, un rapaz xa non recoñece os seus cans.

Estrea en España