#programación

Menú

Foco Dennis Hopper

Dennis Hopper naceu en Dodge City (Kansas) o 17 de maio de 1936. En 1954, a directora de casting Ruth Birch ofreceulle unha intervención de dez liñas na serie televisiva Cavalcade of America e, pouco despois, o actor fíxose cun papel destacado, interpretando un mozo epiléptico, no episodio da serie Medic titulado «Boy in a Storm». Tras a súa emisión, en 1955, varios grandes estudios puxéronse en contacto co seu axente, Bob Raison, interesados en negociaren un contrato con Hopper. Deste xeito, ambos se presentaron na Warner Brothers co obxecto de se reuniren con Nicholas Ray, quen naquela altura se dispuña a dirixir Rebelde sen causa, e Hopper acabou asinando con esta casa un contrato típico de sete anos que o levou a aparecer en I Died a Thousand Times e, posteriormente, na mencionada Rebelde sen causa, na que representou o papel de Goon, adversario do personaxe de Jim, interpretado por James Dean. Durante a rodaxe, o propio Dean converteuse en mentor de Hopper, alén de se facer íntimo amigo seu, e fomentou o interese que Hopper acababa de adquirir pola fotografía e a dirección cinematográfica.

 

Despois de Rebelde sen causa, tanto Dean como Hopper trasladáronse a Marfa (Texas) para rodaren Xigante, dirixida por George Stevens e baseada na novela homónima escrita por Edna Ferber, que foi un éxito de vendas. Tras esta cinta, a Warner concedeulle a Hopper un papel principal en Kings Row, serie televisiva dramática producida por este estudio para a cadea ABC. Así mesmo, desempeñou o papel de Napoleón Bonaparte en The Story of Mankind e apareceu nun gran número de series do Oeste realizadas para televisión (Cheyenne, The Rifleman, Wagon Train), así como nas películas Gunfight at the O.K. Corral, con Burt Lancaster e Kirk Douglas, e The Young Land, na que interpretaba o papel de malvado dándolle a réplica a Pat Wayne. No ano 1958, a Warner cedeu a Hopper á 20th Century Fox para a realización doutra cinta do Oeste, From Hell to Texas; no entanto, a raíz dun fatal choque de personalidades entre Hopper e o director da película, Henry Hathaway, Hopper perdeu o contrato con Warner Brothers e foi expulsado dos estudos de cine por case sete anos.

 

Durante a rodaxe de The Sons of Katie Elder, Hopper empezou a desenvolver o concepto de The Last Movie, que escribiu en colaboración con Steward Stern, guionista de Rebelde sen causa. Ante as dificultades para atopar financiamento, púxose de manifesto que a produción do filme non ía saír adiante, de maneira que Hopper aceptou un papel menor na película psicodélica The Trip, protagonizada por Peter Fonda, con guion de Jack Nicholson e dirixida por Roger Corman, quen lles brindou a Fonda e a Hopper a oportunidade de dirixir unha das escenas. The Trip atraeu un público novo formado por «espectadores antisistema» e serviu para unir o equipo que máis adiante ía producir a decisiva Easy Rider.

 

En 1968, Bert Schneider e Bob Rafelson accederon a financiar esa «película de motoristas» que era Easy Rider, titulada e coguionizada por Hopper, Terry Southern e Peter Fonda, e a rodaxe, na que se empregou unha cámara de 16 mm, comezou decontado, con Jack Nicholson como actor elixido para desempeñar o papel de George Hanson. O interese que espertaba a película foi aumentando paulatinamente e a cinta chegou a ser seleccionada, como contribución oficial dos Estados Unidos, para o Festival de Cannes, onde foi galardoada co premio á mellor opera prima. A partir de aí, a obra bateu récords de billeteira en todo o mundo e foi candidata aos Oscar nas categorías de mellor guión (Fonda, Southern e Hopper) e mellor actor secundario (Nicholson).

 

O éxito financeiro de Easy Rider serviu para lles abrir as portas a outros realizadores noveis; así, Universal Pictures contratou cinco directores entre os que se contaba Hopper, os chamados «xenios novos», que en 1970 volveron sobre The Last Movie e empezaron a súa rodaxe na vila peruana de Chinchero. Por outra banda, durante o proceso de edición, Lawrence Schiller e L. M. Kit Carson presentáronse en Taos (Novo México) para gravaren un documental sobre Hopper, The American Dreamer, con guión de Schiller, Carson e o propio Hopper.

 

Malia The Last Film levar o prestixioso premio CIDALC no Festival de Cine de Venecia de 1971, o resultado non foi anunciado e Universal Pictures negouse a distribuír a cinta a menos que Hopper accedese a reeditala, pero, á vista da negativa deste, o filme quedou no caixón.

 

A pesar de que o actor suspendera toda actividade artística allea á cinematografía, a principios da década de 1970 organizáronse varias mostras nas que estivo representado. Tamén nesa década, Hopper seguiu a colaborar con distintos artistas de renome; así, en 1971 Andy Warhol retratouno en The Last Movie e un ano despois traballaron xuntos en Mao (1972), serigrafía en papel producida por Warhol. Ademais, ao longo da década Hopper actuou nun gran número de películas, entre as que figuran Kid Blue, de James Frawley; Tracks, de Henry Jaglom; Mad Dog Morgan, de Philippe Mora, e Der amerikanische Freund, de Wim Wenders. E por fin, en 1976, Hopper tomou un avión ao municipio filipino de Pagsanjan para participar na película de Francis Ford Coppola Apocalypse Now, que lle brindou a ocasión de traballar con Marlon Brando.

 

En 1980 recibiu unha invitación para desempeñar o papel de pai alcohólico na cinta canadense The Case of Cindy Barnes e, máis adiante, tras tomar a remuda de Leonard Yakir, coguionista e director orixinal da película, reescribiu o guión e mudou o título a Caído do ceo (en inglés, Out of the Blue, tirado da canción homónima do seu amigo Neil Young). A principios desa década, Hopper apareceu en Rumble Fish, de Francis Ford Coppola; Human Highway, de Neil Young e Dean Stockwell; Clave Omega, de Sam Peckinpah, e O.C. and Stiggs, de Robert Altman. Ademais viviu a súa «redescuberta» como fotógrafo grazas a dúas exposicións en solitario que se organizaron en 1986: Dennis Hopper Photographs, presentada no Arts Lab de Birmingham (Inglaterra), e Dennis Hopper: Out of the Sixties, na Tony Shafrazi Gallery de Nova York. No seu momento o actor tomou a decisión de marchar de Taos e mudouse ao distrito californiano de Venice, onde adquiriu un dos tres estudios construídos por Frank O. Gehry e Brian Murphy; na súa escolla de residencia influíron as gratas lembranzas que tiña de asistir, xunto con James Dean, a recitais de poesía beat e actuacións de cool jazz que tiveran lugar neste distrito no ano 1954. Por último, en 1987 empezou a rodar Colors, con Sean Penn e Robert Duvall. No entanto, cando ao ano seguinte se estreou a película, en quince salas de California e Nova Jersey canceláronse as proxeccións por medo a posibles actos de violencia entre bandas.

 

Ao longo da década de 1990, Hopper atopou o seu espazo como consumado actor de xénero coa súa aparición en producións cinematográficas e televisivas como Flashback, Chattahoochee, Paris Trout, Red Rock West, Doublecrossed, True Romance, Speed, Search and Destroy, Waterworld, Carried Away e EDtv. No ano 2008 interviu en Sleepwalking xunto a Charlize Theron; en Elegy, con Penélope Cruz e Ben Kingsley; en Hell Ride, con produción executiva a cargo de Quentin Tarantino, e en Palermo Shooting, dirixida por Wim Wenders. O 26 de marzo de 2010, Hopper foi honrado coa estrela número 2403 do Paseo da Fama de Hollywood. Finou en Venice o 29 de maio de 2010, tras loitar contra un cancro da próstata.

 

(Adaptado de Dennis Hopper: A System of Moments, ed. Peter Noever, catálogo de exposición, Viena: MAK, e Ostfildern-Ruit [Alemaña]: Hatje Cantz Verlag, 2001.)

Ler máis Ver menos