#programación

Menú

Verde Prato + CRNDS + Álvaro Chior A/V + Fransy González

Igrexa da Universidade |

22:00 h apertura de portas ás 21:30 h

7€

Verde Prato

Verde Prato canta en éuscaro e recupera a tradición oral vasca nas súas cancións, levando o pasado ao futuro. Cantos populares e cantos litúrxicos en formato voz e electrónica, cruzamento (im)posible entre Mazzy Star ou Nico e Mikel Laboa.

Verde Prato vén de presentar o seu disco debut Kondaira eder hura (Aquela bela historia) gravado e producido por Jon Aguirrezabalaga (We Are Standard) e editado por Planb-rec. Unha historia popular que fala do amor, da familia e a amizade, e tamén dos medos, as ausencias e o desexo.

Expoñente dunha nova xeración de novos artistas que recuperan a tradición vasca e que a levan a lugares insospeitados e por iso sorprendentes e emocionantes, Verde Prato pon en valor a presenza da voz no cancioneiro popular de moitas culturas e é algo que cobra especial importancia nas súas composicións.

CRNDS + Álvaro Chior A/V + Fransy González

crnds

Crnds é compositor, produtor e fundador do selo independente Lindisfarne. Despois de publicar varias colaboracións con diferentes artistas a través desta plataforma, o produtor lanza Cernadas, o seu primeiro álbum en solitario. Este traballo caracterízase pola integración de elementos propios da música tradicional de Galicia coa linguaxe tímbrica da electrónica experimental. Púidose escoitar por primeira vez en vivo na recente edición do festival Mutek en Barcelona. Na súa breve traxectoria, crnds colaborou con artistas como Cibrán Seixo, Sandra Monfort, Clara Fiol ou Fransy González.

Álvaro Chior

Álvaro Chior é un artista multidisciplinar nado na Coruña. O seu traballo, que combina disciplinas como a escultura, o son e mais a linguaxe fílmica, exhibiuse en institucións como o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (Madrid), CC Can Felipa (Barcelona), Sala Amadís Injuve (Madrid), Matadero (Madrid), DA2 Domus Artium 2002 (Salamanca), Las Cigarreras (Alicante), Etopia: Center of Art and Technology (Zaragoza), así como noutros países como EEUU, México, Italia e Escocia.

Fransy González

Fransy González é unha das voces máis representativas da música tradicional de Galicia. Dende moi nova, formou parte do grupo de pandeireteiras Xiradela, a partir do cal se crea un grupo de investigación coa finalidade de recoller cantos tradicionais na comarca de Bergantiños. Este feito marca profundamente a traxectoria vital e profesional de Fransy xa que accede directamente ás fontes: as informantes galegas nos anos 80. Desta forma leva a cabo un intenso labor de recuperación e difusión do repertorio vocal tradicional.

Ao longo da súa carreira, Fransy gravou e colaborou con artistas como Carlos Núñez, Dulce Pontes, Jordi Savall, Erik Marchand, Kepa Junkera e The Chieftains, entre outros. Actualmente está presentando o seu proxecto máis recente, do que tamén forman parte Cibrán Seixo e Davide Salvado.