#updates

La maternal, de Pilar Palomero, proxección inaugural de Curtocircuíto

Novas

A cineasta Pilar Palomero inaugura Curtocircuíto coa súa nova película A maternal tras o seu exitoso paso polo Festival de San Sebastián. Esta proxección –a segunda tras a súa estrea mundial– e unha clase maxistral aberta ao público, enmárcanse nunha das seccións especiais máis esperadas do Festival  “Pilar Palomero pola ECAM”. As citas serán o 1 e 2 de outubro no Teatro Principal e no Museo das Peregrinacións respectivamente.

En 2020 Palomero estreou a súa primeira longametraxe Las niñas, onde Celia, unha adolescente de Zaragoza, descobre o mundo adulto. Tras os innumerables recoñecementos e premios desta película (9 nominacións e 4 Goyas –mellor película, mellor dirección novel, mellor guión orixinal e mellor dirección de fotografía– en 2022 estrea La maternal, cuxa protagonista é unha moza de 13 anos que ingresa embarazada nun centro para nais menores de idade. O filme proxéctase coa colaboración da ECAM, escola na que se formou a cineasta e coa que colabora como mentora.

A presencia de Palomero en Curtocircuíto subliña o interese do festival tanto polo cinema de autor como por xerar un espazo de visibilidade para o cinema realizado por mulleres.