Letícia Ramos: todo parece moi imposible
Editorial
Por Marta Ramos-Yzquierdo
Todo comeza con algo que cremos ver. A procura dalgunha certeza no mundo que nos rodea e que nos explique unha razón da existencia humana, xa sexa no pasado ou no futuro, aínda que sexa unicamente a de ser testemuñas. Dado que o cremos — a imaxe permanece en nós e nos imaxinarios culturais que compartimos coma proxección colectiva, pero tamén de maneira física nos soportes que a sustentan. Letícia Ramos traballa neste campo, no da inmanencia da imaxe. Faino desde o plausible en termos narrativos e desde o experimental en termos tecnolóxicos.
Todo é e está en proceso: a historia, o arquivo e a especulación sobre ambos. É a forma de abordar algo que desde o ollo e a temporalidade humana parece imposible: o tempo xeolóxico. O lume que explota e a luz que se extingue, o vento, o xeo, a erosión na rocha, a acumulación infinita dos grans de terra nun depósito residual, todo o que acontece a outros ritmos e en lugares nunca alcanzados, en transformación continua. Unha idea hexemónica, antropocéntrica, de fe no desenvolvemento e na capacidade tecnolóxica resumiu o vivible ao entendible, controlable e reproducible. Para iso, non tiveron reparos en eludir, ocultar e inventar. Letícia Ramos traballa analogamente nesta dinámica, mais á inversa, facendo que a ficción se converta entón en revelación.
Todo parece inaprensible, mais para poder acceder a iso, a artista transfórmase en científica, inventora, exploradora de mundos ignotos, de tempos deslocalizados. A súa cámara, as súas cámaras, construídas con tecnoloxías rescatadas, combinadas e enxeñadas convértense en seres/bichos con autonomía e con vida propia, en frankensteins que nos reflicten o noso grao de alteridade, de suposta monstruosidade. O material filmado, químico ou dixital, chéganos como cápsulas do tempo, do que puido ser o pasado ou o que nos asombrará no futuro. Unha sorte de espectros e fantasías. Coma se miráramos cos ollos entreabertos.
Todo parece moi imposible. Coma se miráramos cos ollos entreabertos. Hai veces que se apertan os ollos e a gama que percibimos se volve avermellada, e un círculo vibrante, coma a lembranza de mirar fixamente ao sol na nosa retina, tingue todo. Tonalidade sol quente: a primeira viaxe polas películas de Letícia Ramos. Pola dureza do cemento urbano paulistán, pola area do deserto dun planeta aínda non descuberto, na rocha do acantilado, tremendo sobre a terra que se abre no primeiro gran terremoto relatado, pero non rexistrado. En outras ocasións, o interior da pálpebra devólvenos a sensación fría da cavidade do globo ocular. Tonalidade noite fría: segunda viaxe pola filmografía da artista brasiliana. Polas illas que cercan o Polo Norte, pola superficie austral da Antártida, polo fondo do lago da auga máis antiga, dos desxeos por vir, ata volver á dureza dos obxectos arroiados nas últimas manifestacións en São Paulo.
Todo parece moi posible, agora, na sala de cine. Esta operación no que o irreal se volve probable serve para que na produción de Letícia Ramos se cuestione a construción da historia e a nosa relación co sensible, co visible e coa memoria. A exploración de paisaxes evocadoramente limítrofes e, ao mesmo tempo, tamén límites nas súas posibilidades de existencia serve de fío a modo de aventura marabillosa e achéganos non tanto ao descoñecido, senón a como o enfrontramos.