#updates

Live A/V, concertos e performances

Novas

Curtocircuíto leva 20 anos sendo un dos referentes do cine experimental en España. Precisamente esa natureza exploratoria é a que nos levou no seu momento a transcender os espazos convencionais de exhibición cinematográfica para propoñer sesións en directo de cine expandido, música electrónica e outras formas de vangarda visual. Era a evolución natural da nosa sección Explora. Nos últimos dez anos, consolidamos un programa que vai máis alá dos cines para inundar as salas de concertos da cidade de propostas interdisciplinarias que nos abren o camiño da linguaxe audiovisual.

O cartel de actuacións A\V e os concertos desta edición estarán encabezados polo artista xaponés Ryoichi Kurokawa, que presentará o venres, 7 de outubro, o A\V “s.asmbli / subassemblies”. Empregando materiais xerados analóxica e dixitalmente, Kurosawa crea instalacións audiovisuais que dobran o tempo a través de proxeccións de vídeo e gravacións de audio. Un espectáculo que fundirá imaxe e son multicanal nunha soa entidade. O produtor italiano Lorenzo Senni –un dos máis respectados no seu campo–, que actuará o sábado 8 de outubro, segue cuestionando a idea preestablecida do que entendemos por música dance. As súas aproximacións á cultura rave da década dos noventa e os seus alucinados directos son algúns dos aspectos máis significativos deste interesantísimo investigador. Senni presentará na Sala Capitol un dos seus memorables sets, unha sorte de mestura minimalista entre música dance e o trance máis hedonista. As londinienses Awkward Moments serán as encargadas de abrir o festival o 1 de outubro, tamén en Capitol, co seu A\V A Strange Time –en colaboración coas artistas visuais Ana Piquer e Pablo Miguel Álvarez–, que entrelaza ritmos electrónicos sobre instrumentos analóxicos e voces atmosféricas para reflectir a relación entre o tanxible y o etéreo, entre orde e fragmentación. Conceptos, estes, que exploran mediante a proxección de imaxes abstractas en movemento. Esa mesma noite, MBODJ + Akuyte A\V, desde Barcelona e Valencia respectivamente, traerán a súa heterodoxia rupturista proveniente das culturas diaspóricas do continente nai, mesturando gqom avanzado, IDM ou electrónica post-club, en simbioses cos visuais do colectivo Akuyte. 

Lugar especial na programación ocupará INCRA, o espectáculo A\V desenvolto polo músico asturiano Andrés Rodrigues e o fotógrafo compostelán Iván Nespereira. Unha proposta A\V que, a través das semióticas da imaxe e o son no traballo do ferro, presenta un espectáculo industrial que experimenta coa abstracción dos elementos da fragua. Para iso, fusiónanse de forma iconoclasta cunha deconstrución dos sons da gaita, formulando unha visión non identitaria do instrumento que permite buscar novos horizontes para crear un espazo sonoro e visual, absorbente e intenso. Incra terá a súa estrea mundial en Curtocircuíto. 

A programación en directo desta edición 2022 completaraa o live AV da produtora e deseñadora de son italiana Eva Geist, que, oscilando entre o tribalismo moderno e a tecnocracia espiritual, presentará –xunto ás visuais da artista Maria Torres– o seu proxecto Aqua Mantras, unha proposta híbrida que xira arredor da idea da auga e da preservación do legado sonoro e visual da terra e o live da artista e produtora de música experimental Beatrix Weapons (unha das promesas máis incipientes da escena electrónica actual), presentará unha interpretación do seu último traballo, un proxecto multidisciplinario que se apoia nun son IDM, glitch ou industrial. 

Engadimos a proposta selectiva do produtor compostelán Juait que, entre o Avant Garde e o break beat, é un dos nomes máis frescos da electrónica galega actual. Tamén o DJ set do produtor vigués afincado en Barcelona Da Rocha Um, cuxa aproximación á música experimental emerxe desde múltiples xéneros coma o bass, o ambient, o punk, o industrial, ou o spoken word

Así mesmo, na programación musical contaremos cos concertos do produtor barcelonés, membro do colectivo Mainline, Yung Prado, quen non se cingue a estilos nin normas deixándose atravesar pola música desde un lugar xenuíno e liberador; o synthwave da mallorquina Sofia coas súas composicións minimalistas e oníricas que atrapan ao público entre multiplicacións progresivas de harmonías e fraseos contundentes; o dúo Dame Área co seu industrialismo salvaxe, que non pararon de tocar por toda Europa durante máis de 5 anos, compartindo coas súas melodías e ritmos crueza e compaixón a partes iguais. 

Finalmente, anunciamos á cantante e compositora murciana Adaora, que é fiel ás propias raíces e incorpora influencias sen prexuízos a mercé das súas necesidades de expresión. Acompañarana as visuais en directo en celuloide do colectivo de artistas visuais Fede Coll e Alfonso Riera, Vídeo 2. 

Curtocircuíto colaborará con el colectivo compostelano Bombo a Negras en una programación que completará la noche inaugural del festival. Cardopusher, Emilia Grima y Fullaplaza serán las artistas invitadas.