#updates

Curtocircuíto 2021: revisando as artes desde o teórico ata o visceral

Novas

Celebraremos esta 18ª edición de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine do 2 ao 10 de outubro consolidando unha programación arriscada e interdisciplinaria que fará de Santiago de Compostela o punto de encontro de todas as artes. Na presentación, realizada hoxe no Concello de Santiago de Compostela, participaron Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado provincial de Cultura da Deputación da Coruña; e Pela do Álamo, director de Curtocircuíto. Durante 9 días, a cidade converterase en punto de referencia de profesionais e afeccionados ao cinema cun completo programa de actividades que gravitarán ao redor das últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais.

Esta mañá anunciamos tamén moitos detalles da programación, entre os que destacan o Foco dedicado á figura do director francés Yann González; a sección Púlsar, que reunirá a obra de Caroline Poggi e Jonathan Vinel, referentes dunha nova onda de cineastas que entenden o cinema como arma de expresión crúa e sincera; a nosa residencia artística, en colaboración con Cuarto Pexigo, que este ano se lle concede a Bandia Ribeira; a segunda edición do comisariado interdisciplinar que esta vez xuntará a Paciencia + Sau-Ching Wong + Ak-zi-å; así como o nome dos 9 profesionais que formarán o xurado que premiará as películas gañadoras das seccións competitivas.

A entradas estarán á venda a partir de mañá venres 24, tanto en compostelacultura.gal como de xeito físico na Zona C (Preguntoiro, 1 - Praza de Cervantes). 

Patrocinadores e colaboradores

Curtocircuíto é unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela, co apoio da Deputación da Coruña, AGADIC Xunta de Galicia - Xacobeo 21-22 e ICAA. Tamén conta coa colaboración de Turismo de Santiago, Santiago de Compostela Film Commission, Secretaría Xeral de Política Lingüística, CREA, AGAG, RC Service, Gadis, Renault Caeiro, Cuarto Pexigo, D. Pedro Soutomaior, Cabreiroá, Galicia Calidade, Instituto Camoes, USC e ECAM.