Presentamos a nosa Sección Oficial, composta por 39 películas de 21 países
Novas
Na 18ª edición de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine queremos poñer a mirada sobre a vangarda cinematográfica, proxectando as creacións máis recentes e arriscadas do panorama internacional na nosa Sección Oficial. Contaremos con 15 estreas, oito delas a nivel estatal e sete en Galicia, todas pezas de cineastas imprescindibles, así como propostas daqueles que despuntan co seu traballo máis actual.
A programación de Radar e Explora está composta por 39 películas de 21 países diferentes que encherán as nosas salas de risco creativo, diversidade e novas linguaxes. Tamén teremos dispoñible unha selección delas na nosa sede en liña, a canle de Curtocircuíto en Filmin, continuando así co formato híbrido da nosa pasada edición. Presentámosvolas!
Radar: nodos no mapa cinematográfico
Unha edición máis, Radar recolle as propostas menos convencionais do cinema narrativo deste ano. Como o mecanismo tecnolóxico que lle dá nome, esta sección destaca os hits das mellores obras recentes. Un total de 22 propostas cinematográficas que funcionan a modo de pequenos puntos nun mapa: aínda que parecen distantes e separados, a súa análise permite ver esas pequenas conexións que xorden de forma automática ao combinar estas obras.
A autodefinición da identidade, os paraísos artificiais das drogas ou aqueles formados na brecha que é o glitch, ou a sublimación do exceso, son algúns dos tags que responden a unha sección onde repiten cineastas como a británico-arxentina Jessica Sarah Rinland, que presenta o seu último traballo Sol de Campinas; o guionista e director canadense Guy Maddin, que participa con The Rabbit Hunters; a francesa Marie Losier, que mostra o seu traballo Taxidermisez-moi; ou Bertrand Mandico, quen exhibe nesta edición Dead Flash. Estes nomes comparten sección con outros novos membros da familia Curtocircuíto como son Pat Heywood e Jamil McGinnis (Gramercy); Sofia Bohdanowicz (Point and Line to Plane); ou Sophie Littmann (Sudden Light).
Listado de películas seleccionadas en Radar:
|
Explora: 18 propostas de cine arriscado e radical
Unha das misións máis importantes do noso festival é apostar pola creatividade á hora de afrontar o cinema; e a sección Explora é o resultado desta aposta. Un total de 18 propostas de cinema arriscado, radical e, ás veces, esixente co ollo humano.
Nesta sección traémosvos desde estudos sobre a paisaxe como Terra Australis Incognita, de Andrea Bordoli, ou Corps Samples, de Astrid da Chapelle, ambos desde perspectivas moi diferentes; tétricos musicais como The Parents’ Room do PREMIO EXPLORA 2018 Diego Marcon; ata películas puramente plásticas como a austríaca Dissolution Prologue, de Siegfried A. Fruhauf, ou Berlin Feuer dos xa habituais Siegfrid Fruhauf e Pedro Maia. Completan Explora cineastas como a brasileira Ana Vaz (Pseudosphynx), James Kienitz Wilkins (Best Year Ever), Zachary Epcar (The Canyon), ou Mary Helena Clark (Figure Minus Fact), presentes en anteriores edicións de Curtocircuíto.
Listado de películas seleccionadas en Explora:
|
Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e financiado, entre outros, pola Diputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.