#updates

Concertos: artistas sonoros e visuais, e tradición renovada

Novas

En Curtocircuíto, celebraremos entre os próximos 2 e 10 de outubro en Santiago de Compostela, seguimos mantendo como eixos o cinema independente e as linguaxes contemporáneas. A nosa programación interdisciplinaria aposta este ano por concertos e espectáculos de artes visuais creados á marxe da industria, dando unha especial atención á creación underground. Contaremos cos concertos de Somos la Herencia, dark wave e post-punk acompañado dos visuais de espírituescalera, e Vera Fauna, un dos grupos revelación do pop español deste ano.

Entre as propostas que combinan o traballo de artistas sonoros e visuais tamén se atopan Severine Beata & Loopitas; Cruhda xunto a Adataberna; e Óscar Martín.Completamos a programación coa proposta co ambient e dark ambient de Ivankovà; e artistas que recuperan a tradición, como a castellana Cruhda, a proposta en éuskaro de Verde Prado e os galegos Crnds & Álvaro Chior & Fransy González, levándoa todas elas a lugares insospeitados. Para culminar, o coruñés, unha das promesas da electrónica estatal Artur M Puga presentará un set a medio camiño entre a música concreta e o minimalismo.

A nosa programación cinematográfica compleméntase cunha programación interdisciplinaria, que se caracteriza pola hibridación de expresións artísticas. Dende o festival outorgamos especial atención a aquelas propostas que se sitúan á marxe dos circuítos comerciais, centrándonos naquelas onde colaboran artistas sonoros e visuais, así como en traballos que recuperan a tradición, levándoa a lugares insospeitados. 

Pela del Álamo explica que “o conxunto da programación interdisciplinaria está composta por propostas estatais para manter o compromiso de Curtocircuíto cun dos sectores máis damnificados pola pandemia”. Así, esta edición presta especial atención a bandas de proximidade, cunha especial mirada cara ao underground. Todas cun común denominador: forman parte dunha nova escena de artistas que traballan a fusión da electrónica, o folk e o industrial.

Os madrileños Somos la Herencia serán os encargados de abrir o festival cun concerto que inclúe os visuais de espírituescalera. As súas creacións atópanse a medio camiño entre a urxencia do post-punk, a dark-wave máis atmosférica, o witch house de vocación máis pop e unha sorte de hipnosis rock entre a performance e o ritual. Cantando á pena, aos pesares e á crueza, cun empaquetado tan agresivo como escuro, debutaron con Dolo (Humo Internacional, 2020), un devocionario sonoro que está chamado a ser a BSO dunha época. O proxecto sonoro e visual Flourescent Markov Beat do artista Óscar Martín abrirá a noite inaugural. 

Vera Fauna é un dos grupos revelación do pop español deste ano que recibe a herdanza do rock andaluz dos anos 80 levándoo a un lugar máis psicodélico. En 2020 lanzaron o seu primeiro disco, Dudas y Flores, que tivo unha excelente acollida e creou unha linguaxe compartida co seu público. O longo, cociñado a lume lento, inclúe un dos himnos da corentena, Los Naranjos, e temas que revisan hits do pasado con ollos de millenials como Colorada.

Un exemplo de hibridación e renovación da tradición da música galega é Crnds & Álvaro Chior & Fransy González. O primeiro traballo en solitario de Crnds, Cernadas, caracterízase pola integració n de elementos propios da música tradicional de Galicia coa linguaxe tímbrica da electrónica experimental. Púidose escoitar por primeira vez en directo na recente edición do festival Mutek en Barcelona e nesta ocasión presenta un espectáculo que conta coa colaboración do artista multidisciplinar Álvaro Chior (que combina disciplinas como a escultura, o son e a linguaxe fílmica e amosou o seu traballo en institucións como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía) e Fransy González, unha das voces máis representativas da música tradicional galega.

Verde Prato é especialista en levar o pasado ao futuro. É expoñente dunha xeración de novos artistas que están a recuperar a tradición vasca, levándoa a lugares sorprendentes e emocionantes. Ana Arsuaga canta en eúscaro e recupera a tradición oral vasca nas súas cancións; cantos populares e litúrxicos en formato voz e electrónica, un cruzamento imposible entre Mazzy Star ou Nico e Mikel Laboa. Acaba de presentar o seu disco debut Kondaira eder hura (Aquella bella historia), gravado e producido por Jon Aguirrezabalaga (We Are Standard).

Tamén Cruhda, que presenta un espectáculo xunto á artista visual galega Adataberna, é especialista en partir das súas raíces en Meco (Madrid) para revisitar os seus propios sentimentos desde o folclore máis escuro. Nas súas letras pódese percibir tristeza, sororidade, morte e natureza, que fan brotar unha bailable estrañeza. O seu traballo Ibera Morte é un dos traballos electrónicos máis excitantes dos últimos tempos no noso país. O artista e investigador sonoro, músico electrónico e compositor galego Artur M Puga, será o encargado de abrir o concerto.

Severine Beata & Loopitas tamén son un expoñente de simbiose entre disciplinas. A proposta audiovisual xerada en directo pola multi-instrumentista Severine Beata (frauta travesera, saxofón, sintetizador, caixas de ritmos e voz) e a debuxante, performera e creadora audiovisual Beatriz Sánchez crea un espectáculo que tece improvisación de son e imaxes proxectadas, baixo un nexo ambiental de irrealidade retrofuturista, reminiscencias dadá e execución experimental. 

Este concierto abrirao Ivankovà, o proxecto en solitario de Irene de la Cueva, artista e compositora afincada en Madrid. Nos seus traballos investiga a idea do trance a partir da emocionalidade, cunha vocación terapéutica que recolle e reinterpreta o xénero New Age. Utilizando o mantra e a repetición en composicións de largo desenvolvemento, Ivankovà convídanos a transitar por paisaxes sonoras que encarnan a súa visión particular do espectro gótico e a fantasía neo medieval, nos que longos drones de órgano analóxico, sintetizadores e etéreas composicións vocais son protagonistas. 

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, celebrarase entre os próximos 2 e 10 de outubro, e está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e financiado, entre outros, pola Diputación de A Coruña, AGADIC e o ICAA.