#updates

Hai sinais no bosque

Editorial

Neste ano de olimpíadas descolocadas o equipo de Curtocircuíto descubrimos o ARDF, un deporte minoritario que nos toleou. O ARDF aglutina moitos dos valores e ideas que en cada edición dan forma á nosa programación: esa vocación por explorar territorios descoñecidos e o noso interese na ciencia, a arte sonora e as tecnoloxías analóxicas.

ARDF é o acrónimo de Amateur Radio Direction Finding, un deporte recreativo que se practica sobre todo nos países nórdicos, Europa Oriental, Rusia e na China, e que no noso idioma poderiamos denominar simplemente como orientación por radio. Trátase dunha carreira cronometrada onde participantes individuais empregan un mapa topográfico, un compás magnético e aparatos de radiogoniometría para navegar por terreos boscosos mentres buscan transmisores de radio que funcionan a modo de metas volantes. A través das antenas que levan consigo, os corredores e corredoras reciben sinais de radio que portan sons e mensaxes secretas que os orientarán ata descubrir as balizas emisoras escondidas e cubrir o percorrido completo no menor tempo posible. Non hai un circuíto definido, só un territorio que cada participante atravesa ao seu xeito, empregando os seus coñecementos técnicos e, sobre todo, o seu sentido da orientación. Se ben os atletas compiten entre si, a principal loita é a que cada un mantén en soidade consigo mesmo, en plena natureza, na busca deses sinais invisibles.

Supoño que se o ARDF nos fascinou tanto é porque, dalgún xeito, nos lembra as xincanas dos campamentos infantís mesturadas cun pouco do espírito olímpico e con outro pouco do espírito das romarías populares. E en todo iso, máis alá da imaxe kitsch, hai un sentido da colectividade que hoxe en día, tras os confinamentos e restricións, recoñecemos como fundamental para a nosa saúde emocional.

Sempre atopei grandes analoxías entre o cine e o deporte. A pesar de converterse ambos os dous en obxecto de desexo do capitalismo máis atroz –que os deshumaniza e frivoliza–, un e outro son, polo menos na orixe, prácticas que aspiran a promover a ética e a organización comunitaria das persoas sen discriminación de idade, sexo, condición física, social ou cultural. Sexa individual ou colectiva, a experiencia deportiva facilita as relacións interpersoais, canaliza a necesidade de confrontación e estimula a sensibilidade e mais a creatividade. Coma a práctica artística. Ademais, os deportes populares priorizan os valores solidarios e cooperativos, non entenden as competicións como enfrontamentos entre rivais, senón entre iguais. Non perseguen a rendibilidade económica e non desprezan a participación das persoas con menos aptitudes, senón que a incentivan e xeran así espazos de respecto e convivencia, de colectividade. En definitiva, o deporte e o cine, coma o traballo, dignifican (e ademais tonifican a alma). Por sorte, aínda nos quedan marabillas como é o caso do ARDF que o sistema aínda non devorou e monetizou.

Creo que, dalgún xeito, todo isto ten moito que ver con ese cine que sobrevive á marxe das fórmulas e que cada ano nutre os festivais e as salas das propostas máis persoais e innovadoras. Salas ás que AGORA podemos volver ir xuntxs.

Preparados, listos, xa!

Aquí comeza #Curtocircuíto2021!

Pela del Álamo

Director artístico

*Todas as imaxes empregadas nesta campaña están aloxadas en aberto en ardf2019.hamradio.si/gallery