#updates

Presentamos a imaxe de Curtocircuíto 2021

Novas

Estreamos hoxe a imaxe oficial da nosa décimo oitava edición, que este ano se inspira no ARDF, un deporte minoritario que, do mesmo xeito que o festival, consiste en explorar territorios descoñecidos, é apto para todos os xéneros e idades e está baseado en recibir sinais máis aló do que os ollos poden ver.

ARDF é o acrónimo de Amateur Radio Direction Finding, un deporte recreativo que se practica eminentemente nos Países Nórdicos, Europa Oriental, Rusia e China, e que se podería traducir como “orientación por radio”. Consiste nunha carreira cronometrada na que participantes individuais utilizan un mapa topográfico, un compás magnético e aparellos de radiogoniometría para navegar por terreos boscosos. A través das antenas que levan consigo, os corredores reciben sinais de radio que portan sons e mensaxes secretos que lles orientarán ata cubrir o percorrido completo no menor tempo posible.

“O ARDF aglutina moitos dos valores e ideas que en cada edición dan forma á nosa programación, como é a vocación pola exploración dos territorios descoñecidos e o noso interese na ciencia, a arte sonora e as tecnoloxías analóxicas”, afirma o director artístico do festival Pela del Álamo. “Este deporte popular, que prioriza valores solidarios e cooperativos e xera espazos de respecto e convivencia, ten moito que ver co cinema que sobrevive á marxe das fórmulas e que cada ano nutre os festivais e as salas das propostas máis persoais e innovadoras”. 

A imaxe gráfica desta edición foi desenvolvida pola dirección artística do festival, a cargo de Pela del Álamo, xunto con Alicia Alonso e Emilio Horyaans. Todas as imaxes empregadas nesta campaña están aloxadas en aberto na páxina web ardf2019.hamradio.si/gallery. Podedes ver xa aquí as primeiras imaxes da serie deste ano que se irán completando, ata un total de 11 deseños diferentes, ao longo do transcurso do festival.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, celebrarase entre os próximos 2 e 10 de outubro, e está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e financiado, entre outros, pola Diputación de A CoruñaAGADIC e o ICAA.