#updates

O cine galego de Curtocircuíto 2021: Planeta GZ, Supernova e Terra

Novas

A programación galega desta edición do festival, que se celebrará entre o 2 e o 10 de outubro, protagonizarana a directora Enar de Dios, á que se lle dedicará a sección Terra; doce propostas a competición na tradicional Planeta GZ; e nove pezas de novas creadoras que dialogarán en Supernova sobre identidade, futuro ou amor dende a ciencia ficción, o documental DIY ou o drama social.

A obra de Enar de Dios, que transita entre o traballo museístico e expositivo e o ensaio, dialogará con obras de directores como o canadense Michael Snow, a directora brasileira Ana Vaz ou o creador británico Louis Henderson sobre temas como a etnografía, a circulación da cultura ou a exploración do poético e político. De Dios, que desde hai anos desenvolve a súa carreira en Austria, foi un dos grandes descubrimentos na pasada edición de Curtocircuíto e gañadora do Premio Galiza e por iso representa unha das nosas grandes apostas do festival en 2021.

Os seus traballos Vestiges (an archipelago), Liquid ground, que se estrea en Galicia, e Fortress Europe (promotional video), poderanse ver na XVIII edición de Curtocircuíto xunto a So Is This, de Snow; A idade da pedra, de Vaz; e The Sea is History, de Henderson.

Planeta GZ

A sección competitiva Planeta GZ consagra cada edición as mellores pezas galegas do último ano. Nesta ocasión, reúne 12 películas que dialogan entre si sobre temas como a identidade desde a perspectiva dunha mocidade pandémica, ou as feridas marcadas por un pasado aínda non superado. Os traballos conxugan narrativas tradicionais con formas experimentais, utilizando formatos que van desde a animación máis abstracta a outros máis próximos ao vídeo ensaio ou á comedia máis absurda, sen deixar de lado unha ficción con claros signos de rexuvenecemento.

Planeta GZ será un punto de encontro de novos nomes coma o de Carlos Iglesias Losada, co seu traballo Hermosos Arándanos; e cineastas procedentes desa canteira de novas creadoras que é Supernova: Antía Carreira, con Formigón, e Ariadna Cordal García, coa súa película Auria, última noite, xunto a nomes como Alejandra Pombo, que nesta edición participa con FADE TO BLACK, ou Ángel Montero Vázquez, que presenta Eu máis

Estes nomes compartirán sección con artistas xa coñecidos que presentan os seus últimos traballos no festival como Alberto Vázquez (Homeless Home); Eloy Domínguez (Os Corpos); Berio Molina (Radio Cu Cu); Brandán Cerviño (A Comuñón da miña prima Andrea), Judith Adataberna (Inside the microtubule); Borja Santomé (Rumbo a Eleusis); Dani Cornes, que presenta traballo con Ariadna Cordal García; ou Xacio Baño (Augas abisais). 

Supernova

Unha das nosas pezas fundamentais é Supernova. Nesta sección non competitiva e centrada en novísimas creadoras e creadores, buscamos dar espazo a obras creadas nun momento onde a necesidade de facer é máis importante que a forma ou o contido. Así, este ano, nove películas forman esta aliñación de nomes que amosan os camiños do cinema futuro. 

Creadoras que repiten sección como Sol Mussa, que presenta Ratatouille, ou Ariadna Silva Fernández, que amosa o seu traballo O intruso, exhiben as súas pezas xunto a nomes novos como Noemí Parga (Ya es mañana en Australia); Nadia Sniba (que nos pillen ben peinadas.2020); Aaron Vilariño (RAKEL); Martín Caínzos (Galego á Medianoite); Miguel Gómez (O que queda de nós); Ester G. Mera (Génesis); ou Marcos Montiel (O burato). 

Todas elas conforman unha selección de pezas que transitan diferentes formas e camiños para falar sobre a identidade, o futuro ou o amor desde ópticas como a ciencia ficción, o documental DIY, ou o drama social. 

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, celebrarase entre os próximos 2 e 10 de outubro, e está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e financiado, entre outros, pola Diputación de A CoruñaAGADIC e o ICAA.