Encontro con Pedro Costa
Sábado 8 | 12:00 h
De balde, por orde de inscrición ata completar capacidade | Formulario de inscrición situado ao final desta mesma páxina

“If you don't risk yourself and the people with whom you're working in almost every shot you make, it's not good, it's useless, it's just another film.”
“Se, xunto ás persoas coas que traballas, non arriscas en case todas as tomas que fas, non é bo nin serve para nada, é unha película máis”.
Pedro Costa é un explorador. Non un explorador grandilocuente coma Werner Herzog ou John Ford. Pedro Costa explora o territorio deténdose nos detalles, na intimidade. Cada unha das súas películas supón unha evolución da anterior, expande a súa linguaxe e, a través del, explora a súa relación co próximo e consigo mesmo.
As súas formulacións estéticas recollen os principios do denominado “cine directo”. Cunha linguaxe austera, aberta á experimentación, e unha decidida sobriedade narrativa retrata os desposuídos, os inmigrantes, os incomprendidos, os fuxitivos, os drogadictos e os fráxiles; os habitantes do arrabalde, da súa Lisboa profunda, coma o barrio de Fontainhas.
Herdeiro do Novo Cinema Portugués e dos seus recoñecidos referentes Danièle Huillet e Jean-Marie Straub, a obra de Pedro Costa continúa a senda iniciada en Portugal por Manoel de Oliveira e António Campos, en que as películas se inspiran no concepto “antropoloxía visual”, tradición tamén practicada por cineastas coma António Reis e Ricardo Costa, que empregaron os dispositivos da docuficción antes ca el.
A elección de Pedro Costa, que xa visitou Santiago hai anos tanto para presentar o seu filme Cavalo Diñeiro como para visitar outros festivais da cidade, non é casual. Ao contrario, esa característica fundamental do seu cine, en que cada obra se nutre da realidade e deixa que a vida permeabilice en cada película, é quizais un dos preceptos que máis nos interesan en Curtocircuíto, porque aí, na difusa liña entre o real e a ficción, está o lugar onde nace a poesía.
Jonathan Rosenbaum dixo sobre o seu cine: “…moitos dos puntos cinematográficos de referencia de Costa son autores de Hollywood. Poderíase incluso dicir que estivo facendo remakes conscientes dalgunhas películas de John Ford, Howard Hawks, Fritz Lang e Jacques Tourneur nos seus propios termos, en arrabaldes portugueses, ultimamente en vídeo dixital, con actores non profesionais, algúns deles exiliados da antiga colonia portuguesa de Cabo Verde ou drogadictos”.
Moderado por Eloy Enciso:
Un dos principais referentes do chamado Novo Cinema Galego, Eloy Enciso Cachafeiro naceu en Meira, Lugo, e estudiou Medio Ambiente antes de dedicarse ao cinema.
Dirixiu as longametraxes Pic-nic (2007), Arraianos (2012) e Longa noite (2019), presentes en festivais de referencia internacional como Locarno, Toronto, New York ou Rotterdam, e recebeu premios a mellor filme ou dirección internacionalmente.
No seu cinema explora a historia e a paisaxe galegas e a relación que hai entre estas e o noso presente, atopando personaxes e narrativas na fronteira entre a ficción e o documental na tradición artística e lírica do cinema de autor europeu.
Como moitos autores da súa xeración, o seu traballo transcende as fronteiras tradicionais da sala de cinema, e exhíbese en diversos formatos e plataformas: cinemas, plataformas online, centros de arte e museos como o MoMA, o Reina Sofía ou o ICA de Londres.