abel_ferrara_5

Sobre Abel Ferrara
por Miguel Branco Hortas

Pasolini rodou A ricotta en 1963 para Ro.Go.Pa.G, un filme ómnibus que incluía outras pezas de Godard, Gregoretti e Rossellini. Nesta peza, vemos a rodaxe dunha película onde se filma A Paixón de Cristo, con Orson  Welles interpretando o director. Hai un forte contraste entre o estilo luxoso do filme e o aspecto descarnado do lugar onde se roda, un empobrecido pobo italiano. As partes da falsa película están rodadas en cor, e as do backstage, en branco e negro. Este contraste atopámolo máis de corenta anos despois en Mary, o filme de Abel Ferrara que narra a estrea dunha nova película de Xesucristo no Nova York contemporáneo. En ambos os casos hai un contraste entre a transparente mensaxe sacra de Xesús e o presente convulso, inconmensurable, indescifrable. As cores cálidas do sol palestino fronte á noite e as luces de neon proxectadas sobre os rañaceos neoiorquinos. En The Blackout, o director de cine interpretado por Dennis Hopper quere facer un remake de Nana de Christian-Jaque, un filme en glorioso technicolor. Mais a súa versión é unha película en vídeo de cores xélidas, chea de sexo. Nun momento, vemos o filme orixinal nunha pantalla de televisión, no medio do circense estudio do remake. Pouco despois, Matty é abandonado pola súa parella, Annie. Vai ao estudio e ve imaxes gravadas dela na televisión. Acariña a pantalla, producíndose unha analoxía entre o contraste do filme orixinal e o remake, e entre a vida soñada de Matty, xunto a Annie, e a actual.

Esa incapacidade de alcanzar a perfección parece levar os seus personaxes cara á autodestrución, a mortificación da carne. De aí a autoinmolación dos seus protagonistas de Bad Lieutenant, Dangerous Game, The Addiction, New Rose Hotel…, unha especie de purgatorio físico e moral, castigo por non alcanzar a graza. Personaxes autodestrutivos que quizais sinalan un itinerario vital do propio Ferrara, non en balde na súa primeira película interpretou o personaxe inicial. A de Ferrara é unha vida marcada polo cine desde que, sendo un adolescente, mercou unha cámara Single 8 e empezou a facer películas. Decidiu que o seu non era a poesía nin o cine, senón facer películas. Quizais por iso a súa traxectoria vital é inseparable da súa traxectoria cinematográfica. As súas primeiras curtametraxes parecen ser unha curiosa autohistoria do cine, desde o primeiro, Nicky’s Film, silente e en branco e negro, a Could this be love, en cor e con son directo. Películas feitas tamén co obxectivo de aprender a filmar persoas entrando e saíndo do plano. Rodou a curta Not Guilty: For Keith Richards como defensa do dereito do músico a abusar do seu propio corpo, como os protagonistas das súas películas, algúns ao seu pesar, como a muller macelada de Ms. 45, e outros como defensa da súa liberdade, como a súa Pasolini. Unha filmografía onde entran e saen amigos e colaboradores, como na vida: os guionistas Nicholas St. John, Christ Zois ou Scott Pardo; o director de fotografía Ken Kelsh; o músico Joe Delia; a produtora Mary Kane, ou os actores Christopher Walken, Annabella Sciorra, Paul Calderon, Willem Dafoe, Zoe Lund, Matthew Modine. Na recente 4:44 Last Day on Earth, Dafoe parece interpretar un enésimo calco de Ferrara, convertido ao budismo, agardando a fin do mundo xunto á súa moza, interpretada pola parella do cineasta na realidade. OA súa filmografía podería ser unha sorte de autobiografía maldita, chea de antiheroes, de personaxes convulsos, de caídas aos infernos, de perda da graza. Como din uns versos dun poema que Ferrara escribiu en 1970: «ah despair, the great conqueror of the present / ah happiness, the victory of the past / the battleground future is left to these great warriors / we impotently await the outcome / how fragile we are / how fragile / how broken».


SIGNED BY ABEL FERRARA
Teatro Principal | Sábado 8 outubro | 18:30h | 1h 18 min.

LA RICOTTA
A RICOTTA
Pier Paolo Passolini | 1963 | Italia, Francia | 35:00 | FIC | COL, B/N

Nunha zona pobre, estase a filmar unha película extravagante sobre a vida de Xesucristo. A xente empobrecida sométese a distintas humillacións con tal de gañar un pouco de comida.

Produción: Arco Film, Cineriz
Distribución: Eurkeka! kerry@eurekavideo.co.uk

TOUS LES GARÇONS S’APPELLENT PATRICK
TODOS OS MOZOS CHÁMANSE PATRICK
Jean Luc Godard | 1959 | 19:36 | Francia | FIC | B/W

Charlotte e Véronique coñeceron cada unha un mozo encantador; ao seren amigas confíanse o nome e coincidentemente ambos se chaman Patrick. Será que ese é un nome moi común ou hai máis coincidencias nesta historia?

Produción: Les Films de la Pléiade
Distribución: Films du Jeudi  filmsdujeudi@filmsdujeudi.com

ELECTRONIC LABYRINTH THX 1138 4EB
LABIRINTO ELECTRÓNICO THX 1138 4EB
George Lucas | 1967 | EUA | 15:00 | FIC | COL

Mentres é perseguido, un home tenta fuxir dun labirinto futurista.

Produción: University of Southern California
Distribución: Warner Home Video informacion@warnerbros.com

STANDARD TIME
TIEMPO ESTÁNDAR
TEMPO ESTÁNDAR
Michael Snow | 1967 | Canadá | 8:20 | EXP | COL

Standar Time é unha panorámica a ambos os dous lados do apartamento de Snow, unha analoxía da navegación polas canles de radio que efectúa na súa banda sonora.

Produción: Michael Snow
Distribución: Canadian Fimmakers Distribution Center bookings@cfmdc.org

"FILMED BY ABEL FERRARA
Teatro Principal | Domingo 9 de outubro | 17:00h | 50 min.

NICKY’S FILM
A PELÍCULA DE NICKY
Abel Ferrara | 1971 | EUA | 06:29 | FIC | B/N

Un home é ameazado pola mafia: ou paga as súas débedas ou será asasinado.

THE HOLD UP
Abel Ferrara | 1972 | EUA | 14:08 | FIC | B/N

Tres homes, cansos do seu traballo nunha fábrica, planean o atraco dunha gasolineira.

Produción: John Howard

COULD THIS BE LOVE
PODE SER ISTO AMOR?
Abel Ferrara | 1973 | EUA | 28:53 | FIC | COL

Dúas mulleres deciden pasar un día aloucado, para o que contratan unha prostituta a lévana a unha festa organizada por un home casado.

Produción: Caution Films