RETROSPECTIVA: SERGEI LOZNITSA

Esta sección pretende recoller e loar a obra de cineastas consolidados que sexan un referente para as cinematografías menos ortodoxas. Un lugar para aqueles que abriron ou abren camiños na linguaxe fílmica.

SESIÓN 1
SESIÓN 2
SESIÓN 3
SESIÓN 4
SESIÓN 5


O enmudecemento da Historia
por Javier H. Estrada

No cine de Sergei Loznitsa, a palabra é un elemento tan poderoso como inusual. Varias das súas obras están exentas de diálogos, mais cando alguén se pronuncia o seu discurso excede o inmediato, non incumbe unicamente a un individuo, senón que condensa o sentir dun xigantesco colectivo humano. A súa filmografía ofrece un percorrido polos diferentes territorios que pertenceron á URSS, localizando os traumas que seguen enquistados no cidadán postsoviético, alertando sobre a inexorable resurrección do autoritarismo.

Nos últimos anos, Loznitsa alcanzou a súa consagración definitiva grazas ás súas exitosas ficcións –My Joy (2010) e In the Fog (2012)– e a unha serie de longametraxes documentais –Maidan (2014), The Event (2015) e Austerlitz (2016)–que propoñen novas formas de representar o espertar social, a represión e a relación co horror. Con todo, para entender o grao de complexidade deses fitos recentes é preciso atender ás numerosas incursións de Loznitsa na curtametraxe, formato que nunca abandonou. É precisamente ao traballar con duracións máis breves cando desenvolve ao máximo a vertente lírica e íntima da súa arte.

Nacido en 1964 en Baránavichi, antiga localidade soviética que hoxe pertence a Bielorrusia, Loznitsa pasou a súa adolescencia en Kiev. Tras licenciarse en Enxeñaría e Matemáticas traballou en proxectos de intelixencia artificial e exerceu de tradutor de xaponés antes de estudar cine na mítica escola VGIK de Moscova. A súa bagaxe científica maniféstase no rigor da montaxe, a procura dunha orde materializada na solidez rítmica e na precisa composición dos encadres. Un temperán exemplo deste estilo robusto, filmado en branco e negro, na procura continua dunha poética ligada ao pobo, é Life, Autumn (1998), panorámica polos rostros avellentados dos veciños dunha pequena localidade próxima a Smolensk. As novas xeracións abandonaron o lugar, quedando alí un grupo de anciáns, entoando vellas cancións folclóricas cargadas de nostalxia, agardando a chegada da morte. O director empregou unha estratexia similar en Portrait  (2002), outra galería de habitantes dunha rexión rural ao bordo da extinción, marcada esta vez por un estatismo absoluto.

O tempo suspendido é tamén o tema central de The Train Stop (2000), fascinante estudo da sala de espera dunha estación de ferrocarril situada nas entrañas de Rusia. Observamos imaxes desdebuxadas de pasaxeiros tombados nos asentos, profundamente durmidos, alleos ao son dos trens. É inevitable ligar ese letargo ao dunha nación enfeitizada polo seu pasado, cuxos habitantes perderon definitivamente o rumbo, como os enfermos de Letter (2012), individuos de identidade borrosa, arrasada polo traumático devir ruso, que residen nun sanatorio psiquiátrico. Pero cal se supón que debería ser a súa dirección? En Factory (2004) contemplamos homes e mulleres absortos no seu traballo co metal e o xeso. Loznitsa indica que nese país envolto nunha desconcertante transición que é a Rusia de principios do século xxi, a fábrica converteuse nun espazo alienante, e o obreiro postsoviético, nun obxecto automatizado, desprovisto de vontade. A pregunta que emerxe é: onde quedaron as loitas e as conquistas do pasado? O arroxo que demostraron, por exemplo, aqueles que desafiaron o exército nazi durante os 900 días do Sitio de Leningrado, episodio rememorado en Blockade  (2005), unha das maxistrais creacións de Loznitsa partindo de material de arquivo. O espírito da resistencia atópase tamén no corazón de Reflections (2014), conxunto de escenas da vida cotiá do Saraievo actual que vemos reflectidas en fotografías dos mártires que combateron na Guerra dos Balcáns. Por medio dese sinxelo e certeiro dispositivo, Loznitsa reflexiona sobre o espazo do pasado tráxico na paisaxe e o imaxinario contemporáneos, o lugar case fortuíto que a Historia ocupa nos nosos días. Unha banalización da memoria e o horror que chega á súa cota máis extrema en The Old Jewish Cemetery (2014), situada nun distrito deprimido de Riga no que un cemiterio xudeu pasou a converterse nunha fosa común para máis de 1000 vítimas do Holocausto e actualmente é un vulgar parque, distinguido unicamente por unha placa na que se lembra a masacre.

A reivindicación da memoria como elemento fundamental da condición humana é un dos trazos máis significativos do cine de Loznitsa. Cada unha das súas películas descobre as fracturas do pasado que seguen gravadas no presente, advertindo ademais sobre o tenebroso futuro que agarda ás sociedades que optan polo mutismo e a amnesia.

Javier H. Estrada


Sergei Loznitsa
Guionista/Director/Produtor

Sergei Loznitsa, cineasta ucraíno nacido o 5 de setembro de 1964 en Baranovichi (Bielorrusia, antiga URSS), criouse en Kiev e en 1987 graduouse en Matemáticas Aplicadas no Instituto Politécnico desta mesma cidade.
Entre 1987 e 1991 traballou como científico no Instituto de Cibernética de Kiev, onde se especializou en investigación sobre intelixencia artificial
Posteriormente estudou realización de longametraxes no Instituto Público de Cinematografía de Rusia (VGIK), en Moscova, onde se graduou en 1997.
Sergei Loznitsa leva desde 1996 facendo cinema documental, xénero no que se enmarcan dezaoito das súas películas.
A primeira longametraxe de Loznitsa, My Joy (2010), estreouse na Sección Oficial do Festival de Cannes, á que seguiu In the fog (2012), que foi galardoada co premio FIPRESCI na 65.º edición do mesmo Festival.
En 2013, Sergei Loznitsa creou a empresa de produción e distribución cinematográfica ATOMS & VOID.
Na actualidade continúa a traballar tanto no campo do documental como no da longametraxe. Os seus documentais máis recentes, The event (2015) e Austerlitz (2016), tiveron a súa estrea no Festival de Venecia.


SERGEI LOZNITSA 1
Teatro Principal | Mércores 5 de outubro | 20:15h | 1h 27 min.

PORTRET
RETRATO
Sergei Loznitsa | 2002 | Rusia | 28:34 | DOC | B/N

A película é unha colección de imaxes fixas de habitantes do medio rural ruso. Nin unha palabra. Só unha longa mirada á cámara. Paisaxe. Fluír do tempo.

Produción: St. Petersburg Documentary Film Studios
Distribución: Deckert Distribution, info@deckert-distribution.com

POLUSTANOK
A ESTACIÓN DE TREN
Sergei Loznitsa | 2000 | Rusia | 25:00 | DOC | B/N

A gran velocidade, os trens asucan o silencio da pequena estación de ferrocarril. O asubío da locomotora e o ruxido das rodas desaparecen na noite, pero non logran espertar as persoas que alí se atopan. Seguen a durmir. A que esperan? Que as espertará?

Produción: Russia Studio ‘Okno’, RTR Vitaliy Manskiy
Distribución: Deckert Distribution, info@deckert-distribution.com

ZHIZN, OSIN
VIDA, OUTONO
Sergei Loznitsa, Marat Magambetov | 1998 | Rusia, Alemaña | 34:04 | DOC | B/N

Vida, outono filmouse na Rusia rural, preto da cidade de Smolensk. Retrata unha pequena aldea, da que os mozos marcharon e na que só queda a xente maior. Os habitantes, malia non teren cubertas as súas necesidades materiais básicas, parecen estar en paz con eles mesmos e co mundo que os rodea. Observámolos mentres falan e cantan sobre a súa aldea, amigos, familia, fillos, amor, morte e… felicidade.

Produción: Pop tutu
Distribución: Cinematek, nicola.mazzanti@cinematek.be

SERGEI LOZNITSA 2
Teatro Principal | Xoves 6 de Outubro | 18:30h | 1h 22 min.

BLOKADA
BLOQUEO
Sergei Loznitsa | 2005 | Rusia | 52:00 | DOC | B/N

Esta película trata sobre o sitio de Leningrado na Segunda Guerra Mundial. Non hai diálogos, non hai música, só imaxes e sons dunha cidade que morre lentamente.

Produción: St. Petersburg Documentary Film Studios
Distribución: Deckert Distribution, info@deckert-distribution.com

FABRIKA
FÁBRICA
Sergei Loznitsa | 2004 | Rusia | 29:59 | DOC | COL

Masculino e feminino, duro e brando, continuo e interrompido, completo e fragmentado. Todo o que abrangue un simple día na fábrica.

Produción: St. Petersburg Documentary Film Studios
Distribución: Deckert Distribution, info@deckert-distribution.com

SERGEI LOZNITSA 3
Numax | Xoves 6 de outubro | 22:00h | 1h 14 min.

SOBYTIE
O EVENTO
Sergei Loznitsa | 2015 | Países Baixos, Bélxica | 74:00 | DOC | B/N

En agosto de 1991, un intento de golpe de Estado errado (coñecido como Putsch), liderado por un grupo de comunistas acérrimos en Moscova, puxo fin aos 70 anos de goberno dos Soviets. A URSS derrubouse e as tres cores da soberana Federación de Rusia ondearon sobre o Kremlin. Cando os líderes golpistas detiveron a Gorbachov, as cadeas públicas de televisión e radio, usurpadas polas hordas de manifestantes progolpistas, reuníronse ao redor da Casa Branca de Moscova. Na cidade de Leningrado, multitudes asustadas, alteradas, confusas e desesperadas lanzáronse ás rúas para formar parte do evento, que supostamente ía cambiar os seus destinos. Un cuarto de século máis tarde, Sergei Loznitsa revisita os dramáticos momentos vividos en agosto de 1991.

Produción: ATOMS & VOID, Cinematek
Distribución: ATOMS & VOID, maria.choustova@atomsvoid.com

SERGEI LOZNITSA 4
Teatro Principal | Venres 7 de outubro | 18:30h | 1h 12 min.

PRISMO
CARTA
Sergei Loznitsa | 2012 | Países Baixos, Rusia | 21:14 | DOC | B/N

Unha aldea remota no noroeste de Rusia. Unha vella casa de madeira alberga un sanatorio mental. O lugar e os seus habitantes parecen alleos á civilización. Neste lugar inmaculado, non se ouve ningunha voz humana articulada, e a dor é silenciada.

Produción: ATOMS & VOID
Distribución: ATOMS & VOID, maria.choustova@atomsvoid.com

SEVERNYY SVET
LUZ BOREAL
Sergei Loznitsa | 2008 | Rusia | 51:39 | DOC | COL

Xusto antes de que o inverno o suma todo na profunda noite ártica, unhas poucas horas de luz persisten a finais de outono na aldea de Sumskoy Posad, a mil quilómetros ao norte de San Petersburgo, en Karelia, na costa do Mar Branco. Conectada co resto do país por un camiño de lodo e un tramo de ferrocarril, a aldea vive nunha dimensión suspendida e misteriosa. É a Rusia dos cultivos de patacas e os bosques interminables. Alí traballan relaxadamente algúns personaxes recios e implacables que non se rexen por ninguna necesidade vital. Esta é a fría Rusia que aínda conserva a felicidade.

Produción: Les Films d’Ici, Musée du quai Branly, Arte France
Distribución: Les Films d’Ici, www.lesfilmsdici.fr

SERGEI LOZNITSA 5
Numax | Sábado 8 de outubro | 20:00h | 1h 08 min.

THE OLD JEWISH CEMETERY
O VELLO CEMITERIO XUDEU
Sergei Loznitsa | 2014 | Letonia, Países Baixos | 20:00 | DOC | B/N

O primeiro cemiterio xudeu construíuse en Riga en 1725, e alí seguiuse enterrando a xente ata finais da década de 1930. Tras a ocupación alemá de Riga en 1941, o cemiterio converteuse nunha fosa común para os máis de 1000 xudeus asasinados nas rúas e vivendas do Gueto de Riga. Ao acabar a Segunda Guerra Mundial, usurpáronse moitas das laxas do cemiterio para seren utilizadas como material de construción. No sesenta, o lugar foi arrasado e pasou a denominarse “O Parque das Brigadas Comunistas”. En 1992 rebautizouse como “O Antigo Cemiterio Xudeu”. Actualmente, o parque, sito nun dos distritos máis pobres da cidade, coñecido comunmente como Maskachka (Markawa é a denominación letoa de Moscova) é un lugar frecuentado por gandulos bébedos, nenos da zona e turistas americanos. A película está dedicada á memoria dos xudeus de Riga.

Produción: Mistrus Media, ATOMS & VOID
Distribución: ATOMS & VOID, maria.choustova@atomsvoid.com

REFLECTIONS. DIRECTOR’S CUT
REFLEXIÓNS. MONTAXE DO DIRECTOR
Sergei Loznitsa | 2014 | Francia, Bosnia-Herzegobina, Suiza, Italia, Portugal, Bulgaria, Alemaña | 08:00 | DOC | B/N

A película mostra a vida actual en Saraievo, como un reflexo a través do cristal das fotografías en branco e negro dos seus defensores, tomadas polo fotógrafo bosníaco Milomir Kovacevic durante o asedio da cidade en 1992.

Produción: ATOMS & VOID, Cinétévé, Obala Art Center
Distribución: ATOMS & VOID, maria.choustova@atomsvoid.com

O MILAGRE DE SANTO ANTONIO
Sergei Loznitsa | 2012 | Portugal | 40:00 | DOC | COL

A mediados de xuño, o pobo de Santo Antonio de Mixoes da Serra, nunha rexión do norte de Portugal chamada Valdreu, honra o seu patrón cunha festa moi especial. Ese día, os granxeiros locais levan os seus animais —vacas, cabalos, cans, gatos, pitos, coellos— á igrexa para seren bendicidos. Esta antiga tradición transmítese de xeración en xeración, e, hoxe en día, do mesmo xeito que centos de anos atrás, persoas e animais soben en rabaño polas estradas da montaña ata a praza da igrexa, para participaren nesta festividade relixiosa. A película trata sobre este milagre.

Produción: Curtas Metragens C.R.L
Distribución: Curtas Metragens C.R.L.  agencia@curtas.pt