Xurado Radar »
JONATHAN ROSENBAUM

Jonathan Rosenbaum, nado en Alabama en 1943, foi o principal crítico cinematográfico do Chicago Reader entre 1987 e 2008. No sitio web jonathanrosenbaum.net mantén un arquivo con case todos os seus artigos.

Foi profesor na Universidade de California en San Diego (1977); a Universidade de Nova York (1981-1982); a Universidade de California en Berkeley (1983); a Universidade de California en Santa Bárbara (1983-1987); a School of the Art Institute of Chicago (1996-1998, 2007-2009, and 2014); a Universidade Estatal de Virxinia (2010-2011) e en Film.Factory en Saraievo (2013-2015).

Entre os seus libros inclúense Moving places (1980), Film: The front line (1983), Midnight movies (xunto con J. Hoberman, 1983), Greed (1993), Placing movies (1995), Movies as politics (1997), Dead man (2000), Movie wars (2000), Abbas Kiarostami (xunto con Mehrnaz Saeed-Vafa, 2003), Essential cinema (2004), Discovering Orson Welles (2007), The unquiet american (2009), Goodbye cinema, hello cinephilia (2010), e outros como editor ou coeditor, incluídos This is Orson Welles (1992) e Movie mutations (xunto con Adrian  Martin, 2003).

JOÃO NICOLAU

Naceu en Lisboa. Nunca entendeu nin entenderá nada sobre Oriente Medio. Traballa como realizador, montador, actor e músico.

Realizou as longametraxes John From (2015) e A espada e a rosa (2010), así como as curtametraxes Rapace (2006), Canção de amor e saúde (2009), Ou dom das lágrimas (2012) e Gambozinos (2013).

As súas películas exhibíronse nos máis prestixiosos festivais de cine: Cannes, Venecia, Locarno, São Paulo, Belfort, Viena, Busan, Buenos Aires, Sevilla, Vila do Conde, Angers, Milán, Montreal, Mar da Prata, Belo Horizonte, Valdivia, Roma, Saraievo ou Curtocircuíto, entre outros.

CHEMA PRADO

Diplomado en Arquitectura de Interiores, traballa neste campo durante varios anos mentres colabora en diversas revistas especializadas de cine e, en 1976, entra a traballar na Filmoteca Española como responsable de Programación, cargo que ocupa ata 1987 para desempeñar posteriormente o posto de Adxunto á Dirección. En 1989, é nomeado Director da Filmoteca Española, cargo que desempeña ata o 31 de marzo de 2016. Desde 1993 ata 1999 forma parte do Comité Executivo da FIAF. Colaborou como asesor no Festival Internacional de Cine de San Sebastián e participou como Xurado nos Festivais de Cine de Cannes, Sundance, Valladolid, Locarno, Los Ángeles, Montpellier, Guadalaxara (México), A Habana, Miami e Venecia.

É Chevalier des Arts et Lettres da República Francesa (1995), Medalla de Ouro da Academia Galega do Audiovisual (2004) e Encomenda de número ao Mérito Civil (2011).

Dedicado tamén á fotografía artística, desde 1993 comezou a expor de maneira regular a súa obra fotográfica en cidades como Madrid (Círculo de Bellas Artes, Fundación Jorge Castillo e galerías Nájera, Bárcena e Moriarty), Venecia (Galeria Imaxine), As Palmas (Palacio Salazar), Gran Canaria (Casa Colón), Lanzarote (Los Aljibes), Xixón (Centro de Cultura Antiguo Instituto), Santander (Galería Nuble),  México D. F. (Museo del Chopo), Murcia (Fotoencuentros), Lyon (Institut Lumière) e en Guadalaxara, México (Chema Prado/Series).