13.º Festival Internacional de Curtametraxes – CURTOCIRCUÍTO 2016
Santiago de Compostela, Galicia (España)

BASES

CONDICIÓNS XERAIS

  1. A 13.ª edición de Curtocircuíto terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 9 de outubro de 2016; a participación está aberta ao ámbito internacional e é gratuíta.
  2. Solo poderán inscribirse a través da plataforma online as curtametraxes que fosen estreadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 e que non fosen enviadas ao Festival en edicións anteriores. En calquera caso, o festival poderá incluir pola súa conta obras producidas con data anterior. Non é preciso que as obras inscritas sexan estreas, mais o Festival valorará que as obras sexan inéditas en España.
  3. Cada autor ou produtora poderá presentar tantas curtametraxes como desexe, independentemente da nacionalidade e do idioma das obras. Porén, cada obra terá que insribirse de xeito independente. A organización non aceptará nin inscripcións nin envios masivos por parte das distribuidoras.
  4. A Organización aceptará todos os xéneros e reserva o dereito de asignar as obras seleccionadas á categoría que considere. Antes de pechar a programación consultarase cos autores a súa conformidade.
  5. A duración máxima das curtas presentadas será de 45 minutos (títulos de crédito incluídos).
  6. Ficarán expresamente excluídos os traballos de índole comercial ou publicitaria.

INSCRICIÓN

  1. A inscrición farase a través da plataforma da Internet http://shortfilmdepot.com. Malia a participación no Festival ser gratuíta, esta plataforma aplicará un cargo variable ao usuario pola xestión da inscrición. Para que a inscripción sexa válida haberá que completar todos os pasos que nela se indican. A data límite para a inscrición é o 31 de maio de 2016.

Salvo petición expresa do festival, non se aceptará a recepción de obras fora da plataforma http://shortfilmdepot.com.

  1. Para a preselección, as obras deben subirse no seguinte formato:
  • MPEG4 AVC (codec H264).
  • Taxa máxima de transferencia de bits: 3000 kbps
  • Resolución mínima: 480 p
  • Audio: AAC.
  • Subtítulos incrustados.
  • O arquivo non debe superar os 2 Gb.

NOTA: En www.shortfilmdepot.com ofrécese máis información sobre como facer a conversión dunha película realizada nun formato compatible con Apple TV.

Non se aceptarán envíos feitos en soportes físicos tales como DVD, cinta ou disco duro.

  1. Para a inscrición e o visionamento das curtas cuxos idiomas non sexan galego ou español, é obrigatorio que polo menos estean subtituladas en inglés ou nun destes idiomas.
  2. Os arquivos subidos pasarán a formar parte dos fondos do Festival. Este comprométese a utilizar tales copias con propósitos exclusivamente culturais e non comerciaissempre coa petición e o consiguinte permiso do propietario da obra.
  3. As obras seleccionadas (en competición e fóra de competición) serán publicadas no web do Festival (curtocircuito.org) aproximadamente un mes antes do seu comezo.

COPIAS DE PROXECCIÓN DAS CURTAS SELECCIONADAS

  1. O formato de proxección será .mov ou .mp4 (codec H.264), resolución: 1920 1080 ou 1280 × 720, taxa máxima de transferencia de bits: 20 000 kbps; audio: AAC; subtítulos en galego ou español incrustados ou en .srt.
  2. A copia de proxección terá que estar limpa de subtítulos salvo que estea subtitulada en galego ou español. Non se aceptarán copias con subtítulos en idiomas que non sexan un destes.
  3. Coa inscrición dunha curta e a conseguinte aceptación destas bases, os titulares das obras que sexan seleccionadas para participar en seccións competitivas cédenlle ao Festival o dereito a proxectar as devanditas obras —sempre con propósitos exclusivamente culturais e non comerciais— ao longo do ano e medio seguinte á celebración do Festival nas distintas actividades extraordinarias celebradas fóra da semana oficial. Este uso refírese, basicamente, ás posibles sesións CURTOCIRCUÍTO OFF (películas gañadoras ou a selección que procedese). En calquera caso, estas posibles proxeccións sempre lle serán notificadas ao titular da obra e sempre terán carácter gratuíto.

CATEGORÍAS E PREMIOS

  1. A Sección Oficial a competición está dividida nas de Sección Oficial seguintes subseccións:

RADAR: Obras de calquera xénero e de calquera nacionalidade. Unha variada selección dos títulos que marcan tendencias a escala mundial, tanto na ficción como na animación ou o documental. Cineastas experimentados conviven con novas promesas: curtas que chegan avaladas por numerosos premios concedidos en festivais internacionais e novas obras que Curtocircuíto quere dar a coñecer.

EXPLORA: Obras de calquera xénero e de calquera nacionalidade. Sección centrada na procura de novas caligrafías fílmicas. Pezas dificilmente catalogables nun xénero que dilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de sendas innovadoras, próximas á videoarte, o documental ou o cinema de vangarda.

Ademais, PLANETA GZ acollerá obras galegas a competición. Enténdese por produción galega aquela na que: o director/a sexa galego/a ou leve máis de dous anos residindo en Galicia; aquela producida por unha produtora galega ou aquela que polo seu contido exprese unha manifesta vocación por Galicia.

A participación dunha obra nunha sección ou outra será unha decisión da Organización independentemente da súa inscrición previa.

  1. Tanto as películas producidas no Estado español como as producidas na comunidade autónoma de Galicia competirán en ambas as categorías co resto de obras internacionais.
  2. Establécense os seguintes premios e mencións:
  • Premio Sección Oficial Radar: 3000 €
  • Mención ou Mencións Especiais Radar: sen dotación
  • Premio Sección Oficial Explora: 3000 €
  • Mención ou Mencións Especiais Explora: sen dotación
  • Premio Galiza: 2000 €
  • Mención Especial Galiza: sen dotación
  • Premio do Público: 1500 €
  • Premio do Xurado Novo: 1000 €
  • Premio CREA á Mellor Dirección Galega: 500 €
  • Premio AGAG ao Mellor Guión Galego: 500 €

As curtametraxes galegas que participen nas categorías internacionais poderán optar tanto ao premio absoluto ou á mención especial de cada unha destas categorías internacionais como aos premios específicos para as obras galegas.

Todas as obras, independentemente dos premios e das mencións concedidos polos xurados oficiais, poderán optar aos premios do Público e do Xurado Novo.

De se producir un empate entre dúas obras (premio ex aequo), o importe do premio será dividido entre os dous gañadores.

As contías dos premios están suxeitas aos impostos e ás regulacións fixados pola lei española.

  1. A Organización reserva o dereito a restrinxir ou ampliar as categorías e os premios, así como a contía destes últimos.

XURADO

  1. O xurado estará composto por profesionais do sector audiovisual que conten cunha traxectoria contrastada, e a súa decisión será inapelable.
  2. O xurado poderá deixar deserta de premio calquera categoría, outorgar mencións especiais, declarar ex aequo algún premio e tomar calquera decisión relativa a aspectos que non fosen considerados nestas bases. 

 

VARIOS

  1. Desde a creación do Festival, a Organización leva a cabo unha misión de preservación das curtametraxes. Para este efecto, todas as curtas se almacenan e se arquivan ano tras ano, polo que poderían ser transferidas a outros formatos dixitais para o seu mellor almacenamento —sempre garantindo a seguridade do acceso ao material.
  2. A participación no Festival comporta concederlles ás televisións o dereito de emitiren extractos das curtametraxes (10%, cunha duración non superior aos tres minutos). Esta cláusula aplícase igualmente á Internet.
  3. A Organización tamén publicará material gráfico con información relativa ás curtametraxes que conformen a programación.
  4. A Organización dá por feito que os participantes son titulares dos dereitos das curtametraxes que presenten. En calquera caso, a Organización non se fai responsable das posibles infraccións derivadas deste aspecto.
  5. As películas seleccionadas serán proxectadas publicamente durante o Festival, de acordo cun calendario programado, presupoñéndose que os participantes autorizan estas proxeccións desde o momento da súa inscrición no Festival.
  6. A Organización do Festival (ou os seus representantes) resolverá todos os casos non especificados dentro dos termos destas bases e pode conceder unha dispensa especial verbo dos pedimentos específicos e xustificados.
  7. A Organización reserva o dereito a cancelar calquera inscrición e emprender as medidas que considere oportunas no caso de violación do regulamento ou en resposta a todo comportamento que perturbe o curso do Festival. De producirse un litixio, estas bases rexeranse polas súas propias cláusulas e, na súa ausencia, pola lexislación española afín en cada momento. En caso de disputa respecto do cumprimento ou da interpretación destas bases, as partes renuncian ao foro propio que por razón de domicilio puidese corresponderlles e someterán as súas controversias aos tribunais e xulgados da cidade de Santiago de Compostela.
  8. A Organización reservase en calquera momento o dereito de alterar, modificar ou suspender o programa de Curtocircuíto 2016.
  9. A participación no Festival comporta a aceptación sen reserva de todos os termos contidos nestas bases.

Contacto: info@curtocircuito.org