SEXTAPES: AUTORREPRESENTACIÓNS
Coa intervención de Miquel Martí Freixas e Martina González Veiga

CGAC » Xoves 6 de outubro | 17:00 – 19:00h | De balde ata completar capacidade


Representarse un mesmo, indicar a túa identidade, expor libremente a sexualidade de cada un á cidadanía que nos envolve, é un acto cada vez máis común pero non por iso menos contundente. Mesmo pode ser un acto de certa alteración para a nosa sociedade que, a pesar dos seus avances,  aínda ten moito percorrido no camiño de aperturas e tolerancias. A peculiaridade que distingue a nosa época presente é que estas representacións toman novas formas mesturándose entre o mundo real e o virtual, chegando a crearse unha irrealidade conformada polas imaxes que queremos proxectar de nós mesmos, máis próximas ao que desexamos ser que ao que realmente somos. Así, creamos avatares a través dos cales nos relacionamos e habitamos unha zona de encontro entre a identidade sexual, as reivindicacións de sexualidades diferentes á estándar ou os conflitos sexuais coas múltiples redes sociais e os seus ricos mecanismos expresivos.

Coa colaboración de Ultreia LGTBI
logo-ultreia-jpg


miquel_marti_freixas

MIQUEL MARTÍ FREIXAS

Programador, crítico e docente de cine. Crea xunto con Elena Oroz a revista mensual en liña Blogs&Docs (2006-2013). Como programador realizou programas para os Estados Generales del Documental de Lussas, Filmoteca de Catalunya, CGAI, Zinebi, Xcèntric, entre varios outros. Como escritor cinematográfico, continúa un labor de difusión en Blogs&Docs e colabora tamén con outras publicacións. Profesor convidado en ESCAC desde o 2009, onde efectúa diferentes seminarios sobre cine contemporáneo. Leva a cabo tamén diversidade de conferencias e seminarios.

Desenvolve na actualidade investigacións audiovisuais acerca da autorrepresentación nas redes sociais (realiza a mediometraxe Sedated army crazy mirror, 2014). Montador da longametraxe To Shoot an Elephant, de Alberto Arce (2010), difundida e premiada en diversidade de festivais internacionais.

martina

MARTINA GONZÁLEZ VEIGA

Fundadora e directora do centro de sexoloxía Con Mucho Gusto! de Santiago de Compostela. Psicóloga xeral sanitaria licenciada pola USC na especialidade de psicoloxía clínica. Máster en Sexoloxía e Terapia de Parella polo Instituto Kaplan e o Instituto Andaluz de Psicoloxía e Sexoloxía. Posgrao en Crecemento Sexual e de Parella polo Institut Gomá.

Actualmente estase a especializar en psicoloxía gai e trans afirmativa. Vogal da Sociedade Galega de Sexoloxía, é ademais divulgadora e colaboradora habitual en diversos medios de comunicación entre os que destaca a Radio Galega.