CLASE MAXISTRAL DE SERGEI LOZNITSA

CGAC » Venres 7 de outubro | 16:30 – 18:00h | De balde ata completar a capacidade


Sergei Loznitsa é ante todo un cronista moderno que dá conta das profundas transformacións sociais e políticas que sucederon na Unión Soviética, Rusia e Ucraína. Esta procura da identidade nun territorio e unha época non só foi un dos eixos temáticos da súa obra, senón que tamén se atopa no centro das súas preocupacións formais como documentalista. Sergei Loznitsa reflexionará sobre estas e outras cuestións relativas ao seu oficio, a súa obra e a súa biografía na clase maxistral que impartirá no marco de Curtocircuíto 2016.

sloznitsacataloguephoto1

Sergei Loznitsa
Guionista/Director/Produtor

Sergei Loznitsa, cineasta ucraíno nacido o 5 de setembro de 1964 en Baranovichi (Bielorrusia, antiga URSS), criouse en Kiev e en 1987 graduouse en Matemáticas Aplicadas no Instituto Politécnico desta mesma cidade.
Entre 1987 e 1991 traballou como científico no Instituto de Cibernética de Kiev, onde se especializou en investigación sobre intelixencia artificial
Posteriormente estudou realización de longametraxes no Instituto Público de Cinematografía de Rusia (VGIK), en Moscova, onde se graduou en 1997.
Sergei Loznitsa leva desde 1996 facendo cinema documental, xénero no que se enmarcan dezaoito das súas películas.
A primeira longametraxe de Loznitsa, My joy (2010), estreouse na Sección Oficial do Festival de Cannes, á que seguiu In the fog (2012), que foi galardoada co premio FIPRESCI na 65.º edición do mesmo Festival.
En 2013, Sergei Loznitsa creou a empresa de produción e distribución cinematográfica ATOMS & VOID.
Na actualidade continúa a traballar tanto no campo do documental como no da longametraxe. Os seus documentais máis recentes, The event (2015) e Austerlitz (2016), tiveron a súa estrea no Festival de Venecia.