COMPOSICIÓN DE BANDAS SONORAS: TENDENCIAS E NOVAS FORMAS DE TRABALLAR
JESÚS DÍAZ

CGAC » Vernes 7 de outubro » 11:00 – 13:00h | De balde, ata completar a capacidade.
Coa colaboración de LiveSoundtracks

lst-soundtrack



LiveSoundtracks e Making Music in Silence propoñen o obradoiro
“Composición de bandas sonoras: Tendencias e novas formas de traballar”. Unha introdución ao proceso de creación de bandas sonoras resaltando a importancia de aplicar a innovación en cada etapa do proceso, conectando a creatividade artística coa estratexia, e traballando desde a creación dun concepto musical ao uso das canles necesarias para darse a coñecer. Todo isto apoiado por casos prácticos.

Para un compositor con aspiracións profesionais, vivir da música é o fin, pero o camiño para conseguilo é a verdadeira meta. Hoxe é fundamental que neste camiño pense como un creativo 360º.

Jesús Díaz

Músico e compositor de bandas sonoras para cine, danza e publicidade fincado en Barcelona. Comezou a súa carreira profesional como creativo publicitario traballando para importantes marcas, onde aprendeu diferentes procesos de creación e disciplinas audiovisuais, así como estratexias de comunicación. Anos despois, deixou a profesión publicitaria para dedicarse á súa verdadeira paixón: a música e a composición de bandas sonoras.

Desde entón traballou compoñendo para múltiples proxectos musicais a nivel internacional, realizando a BSO de seis longametraxes; entre elas The Frost, primeira película do compositor dirixida por Ferràn Audí e protagonizada por Aitana Sánchez-Gijón e Tristán Ulloa, e que lle valeu varios recoñecementos internacionais á mellor banda sonora.

Os seus últimos traballos inclúen a música orixinal para o trailer de Aloft, dirixida pola nomeada ao Óscar Claudia Llosa e protagonizada por Jennifer Connelly e Cillian Murphy; a BSO para a película francesa premiada no Festival de San Sebastián 2015 Evolution, de Lucile Hadzihalilovic; o multipremiado filme de  coprodución americana The Debt / A Débeda, protagonizada por Stephen Dorff, Alberto Ammann e Carlos Bardem, e a BSO da nova serie francesa para Canal Arte, Cannabis, de Lucie Borletau. En publicidade traballou compoñendo para marcas como Desigual, Roca ou Sanex.

Actualmente traballa en varios proxectos, entre eles para a produtora de Lars Von Trier, Zentropa.