LIVESOUNDTRACKS FESTIVAL CONVIDADO DESTA EDICIÓN DE CURTOCIRCUÍTO

19/09/16

b1lqbu14

LST LiveSoudtracks – Music For Films, será o festival convidado da decimo terceira edición de Curtocircuíto. LST é un proxecto interdisciplinar que explora a intersección entre cine e música, a través de exposicións, obradoiros, charlas e exhibicións. En abril de 2015 o proxecto convertiuse en festival nos espazos do Convent dels Àngels – MACBA.

LST traballa en diferentes espazos de Barcelona desde 2007, e chega a Compostela despois de exportar a súa proposta a diferentes cidades de España, Alemaña e Italia, afianzando, deste xeito, o compromiso de ambos festivais coa exploración artística de sendas próximas á vangarda. Desta colaboración sairá unha das citas máis esperadas deste ano, o Phantom Kino Ballet de Lena Willikens e Sarah Szczesny, unha performance que combina a creación musical e cinematográfica en directo. Unha proposta que experimenta con motivos visuais para desenvolver novas narrativas ligadas directamente co sonoro. Willikens e Szczesny executan unha mestura sonora alucinóxena ao ritmo dun vídeo musical experimental de 54 minutos, no que se combinan películas, extractos de entrevistas, pintura, palabras e collage en movemento.

No marco desta colaboración tamén terán lugar unha presentación e o obradoiro “Composición de bandas sonoras: Tendencias e novos xeitos de traballar”. Impartido polo músico e compositor Jesús Díaz, propón unha introdución ao proceso de creación de bandas sonoras resaltando a importancia de aplicar a innovación en cada etapa, traballando desde a creación dun concepto musical ata o uso das canles precisas para darlo a coñecer. O obradoiro, que se celebrará o sábado 8 de outubro no CGAC, de 12 a 14 horas, é unha proposta de LiveSoundtracks e Making Music in Silence.