CURTOCIRCUITO E WOS, ALIADOS NA VANGARDA

29/08/16

Blog Noite curta wos3

Curtocircuíto e WOS volven aliarse por segundo ano consecutivo para traer á cidade de Santiago de Compostela un programa de vangarda para todos os públicos.

Ademais das sinerxías evidentes, esta alianza consiste nun intercambio de programación: Curtocircuíto porá cinema en WOS e WOS porá música en Curtocircuíto.

No marco da NoiteCurta#2 do vindeiro xoves 1 de setembro, inaugurarase esta colaboración cun evento concibido por ambos os festivais. A cita será con Ulobit, nun marco incomparable como a Praza da Quintana compostelá a partir das 22:00 horas. Ulobit presentará o espectáculo A/V Suite que toma como punto de partida unha selección de imaxes de arquivo de danza, gravacións de discos de gramófono manipuladas e os recursos rítmicos da zanfona. O instrumento fonde os seus acordes con texturas electrónicas e coa manipulación de vídeo en tempo real, obtendo resultados musicais que van desde a música ambiental ao ruidismo, pasando pola estética do erro sonoro/visual, o drone e a música incidental.

Os dous festivais composteláns realizan unha aposta firme por difundir as propostas culturais máis arriscadas, innovadoras e heteroxéneas do panorama internacional. Por iso, o seguinte paso desta colaboración será o comisariado conxunto dun programa de filmes musicais feito entre Curtocircuíto e WOS en estreita colaboración, tamén, con Numax, que será proxectado entre o 6 e o 8 de setembro:

– Martes 6 de setembro ás 20:00 h. 4,5€
STEP ACROSS THE BORDER (Nicolas Humbert & Werner Penzel, 1990)
https://numax.org/cinema/ficha/wos-step-across-the-border

– Mércores 7 de setembro ás 20:00 h. 4,5€
B-MOVIE. LUST & SOUND IN WEST BERLIN 1979-1989 (Jörg A. Hoppe, Heiko Lange, Klaus Maeck, 2015)
https://numax.org/cinema/ficha/wos-b-movie

– Xoves 8 de febreiro ás 20:00 h. Entradas esgotadas.
NICK CAVE: ONE MORE TIME WITH FEELING (Andrew Dominik, 2016) Estrea mundial do esperadísimo filme que acompañará a estrea do último LP do músico australiano “Skeleton Tree”.

E para completar esta colaboración, WOS será o comisario dalgunhas das propostas incluídas na programación musical de Curtocircuíto, que serán anunciadas proximamente co conxunto da programación.

On conxunto desta colaboración é froito dos lazos existentes entre unha xeración de axentes culturais que, desde diferentes espazos, traballan, polo procomún da cultura da cidade de Compostela.