O FESTIVAL L.E.V. DESEMBARCA EN CURTOCIRCUÍTO CON PEZAS DE VANGARDA E ACTUACIÓNS

24/09/15

Festival Lev

O festival internacional de creación audiovisual de Xixón, o L.E.V., será un dos protagonistas da próxima edición de Curtocircuíto. Desde o 2007, este proxecto traballa para ofrecer unha visión panorámica e ecléctica do amplo espectro de ramas presentes na creación ligada á música electrónica e as artes visuais; e logrou converterse neste tempo nunha referencia internacional neste eido. Así, a participación do L.E.V. en Curtocircuíto consistirá nunha proxección de pezas de vangarda, que intentan ofrecer unha aproximación ao espírito do festival, e en dous directos que fuxen da idea tradicional do concerto, para compor verdadeiras performances que combinan música e vídeo.

A escolma do L.E.V. proxectarase en NUMAX o sábado 10 de outubro. Reúne un conxunto de propostas de vangarda que experimentan con motivos visuais para desenvolver novas narrativas ligadas directamente co sonoro. Esta fusión de música e vídeos cobra especial relevancia no directo de Yro, artista francés que foi unha das grandes sensacións do último L.E.V. O seu espectáculo Triangles Irascibles é unha experiencia cinemática como poucas. Trátase dun ‘one-man-show’ no que manipula fotos en directo, proxectadas a través dun software especial, mentres selecciona treitos musicais que crean sinestesias, ecos e xeometrías audiovisuais. O espectáculo terá lugar na Fundación SGAE a noite do sábado 10 de outubro.

Irá seguido da actuación dos asturianos Skygaze + FIUM Live, grande éxito no Sónar. Con traballos que se moven entre o downtempo, o ambient, o hip hop e o future jazz, na estela de Flying Lotus, Skygaze é xa toda unha referencia do panorama nacional. O seu espectáculo inclúe a participación en directo de FIUM, Cristina de Silva e Nacho de la Vega, quen son tamén os responsables do L.E.V. As entradas para este dobre espectáculo poden adquirirse xa a través da web de Curtocircuíto. Teñen un prezo de 8 euros en venda anticipada, e de 10 no propio local.