MECATRÓNICA, POR MÚSICA PREPOST
Sala Capitol : Xoves 29 de setembro 21:00h
Entrada de balde ata completar a capacidade

Mecatrónica

Despois do seu último espectáculo de live cinema, Paraíso Tabú, Música prepost elixe a ciencia ficción como xénero narrativo, tanto polo seu poder subversivo como pola fascinación que produce especular sobre mundos futuros utópicos ou distópicos, achegándose a un dos enfoques deste xénero que máis nos interesa, as “preguntas últimas”.

Música prepost

Música prepost xorde da paixón que Fran Torres e Pablo Peña comparten polos vinilos vellos, maltratados e abandonados nas feiras. Amosan unha visión metalingüística, descrida, desenfadada e creativa das ferramentas de traballo musical e o obxecto tecnolóxico, escarvando e retorcendo todas as posibilidades de experimentación sonora e visual que atopan no mundo dos vinilos.

JAVI ÁLVAREZ + DJ DE LA MUERTE
Riquela Club: Mércores 5 de outubro, 00:15h (Apertura de portas 23:45h)
Entrada de balde ata completar a capacidade

Live Cinema
Cando prácticas e non practicas

Cando prácticas e non practicas é unha banda sonora en directo para pezas de vídeo rexistradas en formatos magnéticos. Un exercicio de curtametraxe renegade con obras de Javi Álvarez, Juan López, Iván Pérez, Pablo Sánchez, Víctor García, José Julián Soánez, Toni García e outros autores de apelidos comúns. A tope de luminancia e crominancia. Vendo Seat Lancia.

O 4:3 retorna envolvido en lume e gloria.

Javi Álvarez

“Javi Álvarez (Fluzo, Dúo Cobra, Néboa, Dj de la muerte, La Follable…), dandi megatrónico, especialista en arte conceptual e xogos de palabras, descortiza calquera prexuízo con propostas eclécticas nas que se dan a man o psychobilly, a electrónica vintage, o desvarío punk e os entremeses musicais para xente convenientemente vestida e armada. Se imaxinan a orquestra de Lalo Schifrin tocando casiotiones no Restaurante do Fin do Mundo, estarán cerca de facerse unha idea…“
Sebastià Jovani

PHANTOM KINO BALLET
Teatro Principal: Xoves 6 de outubro, 22:30h | Entrada: 5 €
Puntos de venda: Taquilla Teatro Principal ou entradas.abanca.com
Lena Willikens + Sarah Szczesny | 2016 | Alemaña | 50:00 | EXP | B/N, cor
Coa colaboración de LiveSoundtracks

 

Phantom Kino Ballet é unha peza teatral audiovisual creada por Lena Willikens e Sarah Szczesny. Sobre o escenario, as artistas executan unha mestura sonora alucinóxena ao compás dun vídeo musical experimental de 54 minutos, no que se combinan citas de escenas de películas, extractos de entrevistas e a palabra falada con pintura e collage en movemento e inclúense referencias aos clubs nocturnos, como luces estroboscópicas e unha máquina de fume. Phantom Kino Ballet son fragmentos sonoros e teatro negro, pintura, as crises nerviosas de Holly Woodlawn, luz estroboscópica e música dance, anime arpexiado, o vestiario móbil e cinético de Mario Montez, as claves de Maria Calas e unha máquina de fume.

O Phantom Kino Ballet é, polo seu propio concepto, unha obra procesual, gobernada polos lugares en que se desenvolve a actuación segundo como se empreguen as vestimentas, polas interpretacións escultóricas do escenario, a mestura musical concibida ao efecto e a integración de luces e néboa artificial. Por iso, o mundo dos espectros atópase en constante metamorfose; baixo a luz negra, os corpos pintados sobre os traxes fanse visibles repentinamente e, ao valerse destas roupaxes, desaparecen os artistas e aparecen as pantasmas.

Lena Willikens

Non hai como unha residencia de longa duración para formar a un picadiscos; un feito que salta á vista e que Lena Willikens, música e picadiscos establecida en Colonia, sempre demostra ao pór os seus vinilos. Fai máis de cinco anos que ten ao seu cargo as longas e tórridas festas dos sábados pola noite no club e bar Salon Deas Amateurs, caracterizado polo seu espírito libre. Willikens tamén é un membro entregado da tribo discográfica Cómeme e de todas as súas iniciativas: o nome de Lena adoita aparecer nos anuncios das festas organizadas pola discográfica e ela mesma dirixe o programa de radio Sentimental Flashback.

A mesma visión sónica da música cobra relevancia nas actuacións de Lena en directo para proxectos cinematográficos, algo que en datas recentes engadiu ao seu catálogo artístico. Para o seu debut elaborou unha impresionante banda musical para a película xaponesa Japanese Girls from the Harbour, que se tocou no festival LiveSoundtracks de Barcelona, e con ese espírito lanzouse ao 2016 cun fluxo constante de programas radiofónicos do seu Sentimental Flashback.

Sarah Szczesny

Sarah Szczesny é unha pintora e escultura radicada en Colonia. O motor das súas obras, moi detalladas e intricadas, atópase na constante exposición ás ambiguas condicións da materialidade da pintura, as interferencias que exerce o medio e as súas limitacións con respecto a outros ámbitos de produción artística, así como unha desconfianza xeneralizada das xerarquías e as categorizacións apresuradas. Desde hai algún tempo, Sarah Szczesny traballa nunha serie teatral radiofónica chamada Pastel Succubus, na que se combina a música con gravacións feitas sobre o terreo, fragmentos de entrevistas e diálogos cinematográficos.

HOW TO BECOME NOTHING
Teatro Principal | Venres 7 de outubro, 22:30h | Entrada: €5
Puntos de venda: Taquilla Teatro Principal ou entradas.abanca.com
The Legendary Tigerman + Pedro Maia & Rita Lino | 2016 | Portugal | 78:00 | FIC, EXP | Cor

How to Become Nothing, que terá a súa estrea en España no festival, reúne o músico The Legendary Tigerman, a fotógrafa Rita Lino e o director Pedro Maia nunha road trip a través do deserto de California. O resultado, presentado no festival Curtas 2016, é unha road movie en formato de película-concerto con banda sonora en directo de The Legendary Tigerman e manipulación de imaxes a cargo de Pedro Maia. É un falso diario rexistrado en Super8 e fotografía, e acompañado por textos de Paulo Furtado; a unión de tres visións da viaxe dun home que, máis que desaparecer, busca chegar a ser nada, converterse en nada.

The Legendary Tigerman

Paulo Furtado, coñecido polo seu nome artístico, The Legendary Tigerman, é un músico portugués nado en setembro de 1970. Como The Legendary Tigerman, toca blues en solitario ao estilo home orquestra, acompañando a voz con guitarra, harmónica e percusión. Furtado, tamén cantante e compositor principal da banda de rock WrayGunn, foi á súa vez membro do grupo de rockabilly Tédio Boys.

Pedro Maia

Pedro Maia traballa principalmente en torno ao concepto de Analogue Cinema, explorando a potencialidade dos formatos de 16mm e 8mm. Ademais das súas obras puramente cinematográficas, desde 2004 desenvolve varios live cinemas, onde investiga, a partir da manipulación de imaxes en directo, a súa relación co son.

Rita Lino

Nada en Portugal en 1986, Rita Lino comezou a trazar o seu propio camiño na fotografía mediante a exploración libre e sen preconcepcións da foto fixa. Centrada fundamentalmente no seu traballo persoal, este foi desenvolvido e materializado en series de fotografías, exercicios visuais que exploran unha “obsesión natural” polo eu e a persoa, un work-in-progress continuo que emprega o corpo como materia prima para recrealo e exorcizalo fermosamente. Lino describe a súa fotografía como animal, instintiva, íntima, narcisista e chea de emocións e sensacións. Un diario con mil interpretacións posibles, un lugar espiritual, unha rehabilitación autosostida, delineada pola transparencia brutal da súa propia vida. Ademais de desenvolver as súas series e proxectos persoais, colaborou en varias iniciativas internacionais, programas de residencias para artistas ou exposicións, entre outros, así como en iniciativas editoriais achegando as súas propias series ou creando series fotográficas exclusivas para revistas internacionais..