Novas

Curtocircuíto 2017 ofrecerá as primeiras retrospectivas completas de F.J.Ossang e Teddy Williams en España

Curtocircuíto celebrará a súa edición edición número catorce do 1 ao 8 de outubro dedicando cadansúa retrospectiva aos cineastas F. J. Ossang e Teddy Williams. Ademais destes directores, proximamente, será anunciada unha figura de referencia internacional que tamén estará presente no festival.

O programa dedicado ao director francés F. J. Ossang afondará na obra dun artista underground, incapaz de limitar a súa creatividade a unha única disciplina. Explosivo e sensible. Audaz e transgresor. Prolífico e sorprendente. Para este multifacético creador, o cine é unha disciplina máis sobre a que envorcar unha incesante inquietude creativa, inseparable da poesía, a literatura ou a música. En todo caso, o cine imponse como un terreo de confluencia do que xorden filmes de inconfundible orixinalidade onde chocan a violencia e a beleza. Filmes que viaxan con fascinante naturalidade desde o noir e a ciencia ficción ao punk, do expresionismo ao situacionismo, e onde é frecuente atopar, reconvertidos en actores, músicos como Joe Strummer (The Clash), a banda punk Lucrate Milk (transformada nun grupo de gladiadores urbanos) ou boxeadores como Stéphane Ferrara.

Cannes, Venecia, Róterdan e recentemente Locarno rendéronse xa ante este irresistible cineasta, a quen Curtocircuíto dedica unha detallada retrospectiva.

Pola súa banda, Teddy Williams, desde a inercia dun movemento constante e impreciso, foi construíndo unha obra que reflicte a incerteza dunha mocidade case esquecida e abandonada polos adultos, e que dalgunha maneira tamén emerxe como un retrato íntimo do seu país, Arxentina. Un conxunto de filmes que crecen en progresión coherente e que foron mostrados na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes, FIDMarseille, Festival Internacional de Cine de Toronto, Tate Film ou o Festival de Locarno, que recibiu con entusiasmo a estrea da súa primeira longametraxe, El auge humano (2016).

Curtocircuíto pon o acento no traballo deste cineasta novo, pero xa consolidado, ofrecendo toda a súa produción ata a data na súa sección Púlsar.

Dharma Guns (2012), de F. J. Ossang

Nove títulos, Dharma Guns (2012), Vladivostok! (2010), Ciel Eteint (2008), Silencio (2007), Docteaur Chance (1997), Le Tresor des Iles Chiennes (1990), L'affaire des divisions Morituri (1985), Zona Inquinata (1983) e La derniere enigme (1980), compoñerán a retrospectiva de F. J. Ossang.

Pude ver un puma (2011), de Teddy Williams

A sección Púlsar acollerá, pola súa banda, El auge humano (2016), Tôi quên rồi! (2014), Que je tombe tout le temps? (2013), El ruido de las estrellas me aturde (2012), Pude ver un puma (2011) e Tan atentos (2011).