Filmes

Todos os filmes

Retrospectiva - Ulrich Seidl

A imaxe gaiola

A miúdo sigo sorprendéndome ante os encadres de Ulrich Seidl. De feito, cando teño a ocasión de volver ver as súas películas en formato doméstico moitas veces non podo evitar parar a imaxe, demorarme na maneira na que as súas habitacións se converten en xaulas. É unha cuestión que ten que ver coa propia disposición da forma fílmica: empequenecer o corpo dos seus actores, manter unha distancia xélida, desmontar calquera tipo de elemento  melodramático. Película tras película, como si fora unha sorte de proceso persoal, asistimos a un constante axuste de contas co cinema e co mundo. Un mundo que a súa cámara ás veces parece non sentir o menor desexo por sublimar, senón antes ben, ao que se achega entre a vergoña e a ironía para encapsular os seus protagonistas ata reducir os seus xestos e os seus sufrimentos ao fascinante xesto do microscopio.

 

Certamente, non faltarán voces que reprochen a Seidl o seu proxecto radicalmente antihumanista. Non podemos culpar a ninguén por seguir perseguindo a vella idea platónica de que unicamente na beleza –neste caso, da imaxe- se desprega dalgunha maneira a idea do ben. Moi ao contrario, o cine de Seidl demostra explicitamente o contrario. Os seus encadres están primorosamente planificados, respectan coa maior fereza as proporcións derivadas da perspectiva renacentista, despréganse en torno ao número áureo e non obstante, é precisamente alí onde flúen e se confunden as pulsións e os afectos. Nada tan contraditorio, e por elo, nada tan fascinante: no férreo control dos elementos –alí onde se explicita que hai unha ollada que se nega a cambiar de plano- é precisamente onde estala un horror tan desmesurado que non sabemos se rir a gargalladas ou abandonar a sala profundamente horrorizados. Tanto da. As películas de Seidl repítennos unha e outra vez que, por moito que nos neguemos a mirar, o seu contido seguirá despregándose interminablemente.

 

Tomemos un simple exemplo. As confesións desmesuradas de Jesus, you know (Jesus, Du weisst, 2003) sitúan polo xeral o punto de vista da cámara nunha distancia a medio camiño entre o altar e o rostro do crente. Grazas ao uso de grandes angulares as liñas do templo expándense salvaxemente e o corpo que se confesa queda reducido case a unha anécdota visual, unha mancha esborranchada na paisaxe teolóxica. Non sabemos se Seidl pretende que imaxinemos a perspectiva dun Deus indiferente ante as brutalidades verbalizadas da conducta humana ou si, pola contra, comprácese en erosionar esa vella idea, tan propia da ideoloxía plástica renacentista, que situaba ao home como motor e xustificación da creación. Quizá a súa cámara sexa capaz de dicir ambas cousas á vez – a pregunta é: somos nós capaces de lelas na profundidade abrasiva que nos requiren? Non haberá en calquera caso, modificación de escala ou de angulación da cámara. Non haberá respiro, nin un reencadre que permita que escapemos ante a desigualdade espazo/corpo-palabra. O tempo fílmico expandirase insoportablemente ata que non teñamos máis remedio que desgarrarnos contra a fereza compositiva do director.

 

Calquera das películas que compoñen a exquisita selección que preparou Curtocircuíto repetirá unha e outra vez esta mesma idea. Ides ver que non hai arrepentimento algún na mostra dos corpos non normativos, que non hai sensualidade, senón abafante xenitalidade e perversión, que ás veces sentirán una mágoa extraordinaria polos seus protagonistas pero o director, como se se tratase de un prestidixitador, trocará as súas concepcións morais nun truco de maxia inexplicable. A empatía é, quizá, o gran inimigo do cine de Ulrich Seidl e ides ver como é combatida con toas as ferramentas narratolóxicas posibles: chistes de pincelada grosa, frivolización das boas costumes e as catástrofes históricas, demolición dos subterfuxios cos que nos alimenta o marco capitalista neoliberal –a unificación salvaxe das veraneantes e a descrición dos intercambios sexuais de Paraíso: amor (Paradise: Love, 2012) é, probablemente, unha das cimas (horrendas) do cine europeo contemporáneo. Así, se se deixan seducir e provocar polo cinema de Seidl, sen dúbida estarán un paso máis preto de comprender os tapices e as ilusións coas que vamos rodeando día a día o noso corpo, a nosa relación cos demais e, por suposto, a nosa propia percepción do acontecemento cinematográfico. Como adoita ocorrer cos grandes textos, non lles podo prometer que sexa unha experiencia fácil nin agradable. Quizá tampouco sexa necesario: basta con saber que se poden construír imaxes para demoler, con pulso firme e decidido, os lugares nos que levamos séculos colocando a verdade.

 

Por Aarón Rodríguez Serrano

Ler máis Ver menos

Ulrich Seidl 7

Teatro Principal

Duración: 76m 00s

Einsvierzig

Un corenta

Ulrich Seidl

  • 1980
  • 16:00
  • Austria
  • DOC
  • COL

Karl Wallner, o protagonista desta curta, é un home de 50 e poucos anos. Con 14 anos acadou a altura de 1,40 metros e deixou de medrar. A película amosa escenas da vida dunha persoa pequena, na casa, no traballo e no seu tempo libre.

Die letzten Männer

Os últimos homes

Ulrich Seidl

  • 1994
  • 60:00
  • Austria
  • DOC
  • COL

A película segue a un profesor que quere casar cunha muller asiática porque foi decepcionado polas mulleres austríacas. Atopa, pregunta e fala con homes que atoparon e casaron con mulleres de Tailandia e Filipinas apalabradas por correo. O primeiro traballo de Ulrich Seidl para a televisión, Os últimos homes foi un éxito de audiencia inesperado.