Filmes

Todos os filmes

Retrospectiva - F.J. Ossang

 

F. J. Ossang, poeta do apocalipse

Michèle Collery

 

F. J. Ossang ocupa un lugar senlleiro e único na cinematografía francesa. Escritor, músico, cantante, etc., traballa en varias frontes de xeito simultáneo sen renderse ao espírito do momento e amosando a plenitude do seu tempo. Namentres en Londres, os Sex Pistols cantan Anarchy in the UK (Anarquía no Reino Unido) [1] e en Alemaña, os membros do R. A. F. (Rote Armee Fraktion) se suicidan nas súas celas, o poeta novo, herdeiro de Burroughs e Guy Debord, escolle o seu bando: o da guerrilla. A poesía e o rock and roll substitúen a loita armada, sen distinción entre arte e política. Nun mundo no que a televisión ten a supremacía, o Messagero Killer Boy radiografa o século a contrafío. O movemento punk non se limita a un xénero musical; é unha insurrección xeracional nada do caos, un “berro orgánico” [2] do que a obra de Ossang restaura a quintaesencia. Ossang segue a ser un dos poucos artistas franceses que conseguiu, ao mesmo tempo, adoptar o enfoque do “punto de vista documentado”, apreciado por Jean Vigo, e transmitir a vitalidade dunha xeración que, facendo referencia ao programa Live Fast Die Young (Vive rápido e morre novo) [3], sabía que non sobreviviría por moito máis tempo.

Ossang comezou a traballar no cine no ano 1982, cando a música xa non lle era abondo. Nos días da apisoadora dixital, o recoñecemento de imaxes e o 3D, a paixón polo arxéntico, o branco e negro [4], o cartón e o diálogo imbuído de poesía, lonxe do realismo perfilado do cine televisivo, batían coas leis do mercado. Seguindo a liña de Jean Epstein, Jean Cocteau, Jean Vigo o Pier Paolo Pasolini, a súa poesía insurreccional, coa súa cegadora beleza, merece unha consideración tan confidencial coma prestixiosa. Contra vento e marea, dirixiu, ata hoxe, dez películas, cinco longametraxes e cinco curtametraxes [5]. Continúa a escribir libros, sempre animado polo mesmo impulso de vida que fai agromar a incandescencia do Occidente moribundo. Mercure Insolent, manifesto do analóxico, publicouse no ano 2010.

Evolucionando do ensaio cara a ficción, a primeira triloxía [6] matricial opera coma métrica inaugural. Sinfonía de formas, dialéctica de partituras visuais, sonoras e escritas, estética do cine mudo: a arte da luz próxima, o uso do iris, os decorados fabulosos e as personaxes saídas da súa propia mitografía. As preguntas expostas en La dernière enigme, unha película baseada nun texto do situacionista Gianfranco Sanguinetti, reflectíronse en Zona Inquinata e en L’affaire des Divisions Morituri, “peplum futurista do Cuarto Mundo".

A non representación frontal do inimigo crea un afastamento que nos permite imaxinar de todo. Difuso, espectral, heteroxéneo, atomizado, globalizado, a inmaterialidade da ameaza abre outros camiños metafóricos ao servizo non só da poesía, senón tamén da fantasía e o suspense. A adversidade invisible insinúase por todas partes mentres apodrenta os cerebros e alimenta as angustias máis escuras, ancestrais, universais, as paranoias, os demos internos de cada un. As sospeitas recaen sobre todo o mundo en calquera momento, nos elementos (ventos, augas contaminadas, néboas nun estreito desfiladeiro onde non é bo que se avaríe o coche), na comida, o viño, os rituais fetiches (círculos e números, navíos pantasma), o comportamento dos individuos (murmurios, olladas)...

Consciente, coma Burroughs, de pertencer a un tempo petrificado, Ossang aporta unha mirada crepuscular á nosa civilización. Sen embargo, a melancolía non causa tristeza nin acritude, ao contrario: “O cine non debe ser algo serio” [7]. Redefínese unha mitoloxía propia dos tempos modernos chea de referencias, desviacións e propósitos extravagantes extraídos da biblioteca do cineasta.

As entrañas do mundo vello e consumido aínda arden. Os protagonistas de Trésor des Îles Chiennes sofren o lume eterno na illa eruptiva das Azores, que o cineasta adora pola tectónica das placas que se atopan no cruzamento do tres continentes: Europa, África e América. A Ossang, fillo das terras volcánicas de Auvernia, gústanlle as paisaxes “extraterrestres” con sinais arcaicas: o deserto de Atacama, os campos megalíticos, as terras do Extremo Oriente ruso, o arquipélago das Azores...

 

Noise & Roll

O frenesí da conquista alcánzase no medio da euforia. A música despréndese de toda funcionalidade narrativa. Deste xeito, indúcesenos a sentir as emocións, embriagados de liberdade cando a voz rouca do cantante de La Muerte [8] volve máis erótica a fuxida mortal dos amantes en Doctor Chance. Nun horizonte cheo de cumios nevados, o trazado do coche vermello anticipa a senda fatal que marca o prólogo de Dharma Guns, alporizado pola canción de Jello Biafra.

Punk, industrial e tribal, a banda sonora fai resoar o estrondo de loitas perdidas ou gañadas. A embriaguez e os impulsos inxéctannos imaxes en doses lacerantes, molestas, que causan unha dor sen nome, convulsións e berros que xorden das profundidades da memoria primitiva ou das noites atómicas que perturban a serenidade das paisaxes de Silencio. A unión de subtítulos e as distorsións de Throbbing Gristle inoculan a dúbida. Os mundos ábrense, en remanencia cos silencios habitados por unha vida orgánica. Ao final de Silencio, a punta do diamante continúa a ruta por si soa… Co seu último folgo, o lixeiro renxer avoga polo vinilo, condenado el tamén á erradicación.

Subtraídas de toda continuidade, as películas poderían seguirse coma un álbum de rock & roll, deixándonos levar polas combinacións de emocións e enerxía que proporcionan. As redes subterráneas invitan a outros sistemas de circulación. Cada anaco desenvólvese sen a mediación dos demais na amplitude e profundidade da analoxía cando a película atravesada pola luz revela fulgores letais capturados na esencia da realidade.

 

 

 

 

 


 

[1] Canción primeiro publicada como single o 26 de novembro de 1976 pola discográfica EMI e o ano seguinte no álbum Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols (Virgin).

[2] Expresión empregada por Artaud para referirse ao surrealismo na introdución de tres conferencias que impartiu en México no 1936 sobre o surrealismo e a revolución.

[3] O grupo punk californiano Circle Jerks escolleu o slogan como título para un dos seus temas en 1981.

[4] Só unha das súas nove películas está en cor: Docteur Chance (1997).

[5] La Dernière énigme, 1982, curtametraxe

Zona Inquinata o La vie n’est qu’une sale histoire de cow-boys, 1983, curtametraxe

L’Affaire des décisions Morituri, 1984

Le Trésor des îles Chiennes, 1991

Docteur Chance, 1998

Silencio, 2006, curtametraxe (Premio Jean Vigo 2007)

Vladivostok, 2008, curtametraxe

Ciel éteint !, 2008, curtametraxe

Dharma Guns, 2010

Neuf doigts, 2017

[6] Dúas curtametraxes: La dernière énigme (1982) e Zona Inquinata (1983) e una longametraxe: L’affaire des Divisions Morituri (1984)  

[7] F.J. Ossang, Mercure Insolent, op.cit., p. 39.

[8] Grupo belga de Heavy Metal influenciado por Nick Cave.


 

Ler máis Ver menos