Filmes

Todos os filmes

Púlsar | Laura Huertas Millán | Meet the Masters - WOMARTS

FILMAR COMO XESTO DE LIBERDADE 

Brais Romero Suárez

 

Escribir sobre Laura Huertas Millán en tan breve texto supón o risco de deixar algunhas das múltiples dimensións da súa obra no tinteiro. A súa delicadeza coa cámara é capaz de representar aos primeiros colonos nas Américas dunha forma case lisérxica, ata captar a realidade traumática dunha intérprete de ópera condenada a cantar o silencio. O seu cinema combina técnicas narrativas clásicas cun poderoso uso da voz en off, que non complementa a historia ou a conduce, senón que abre a porta cara novas interpretacións da mesma imaxe. Unha sorte de etnoficción que busca abondar en temas como o colonialismo e a súa ollada, ou a identidade sexual.

 

Etnoficción é quizais o termo máis acaido para englobar este cinema que, desde unha perspectiva rigorosa, non pecha a porta a camiños máis narrativos ou á propia intervención da directora nos seus propios filmes. Nuns tempos nos que aínda seguimos a debater entre ficción e documental, Laura Huertas sitúase de forma firme cun pé en cada campo, empregando as ferramentas que máis precise segundo en que momento.

 

Dividir a súa obra en temas sería pechar a porta a interpretacións que atravesan toda a súa filmografía, como fíos invisibles que tecen cada un dos filmes da cineasta franco-colombiana. Por exemplo, acaso esa visión colonizadora que acompaña o discurso reconstruído de Journey non é a mesma visión que, ironicamente, centra o tramo inicial de El Laberinto? Ou, acaso esa contraposición artesanal das mulleres que tecen en liberdade ante un mundo globalizado onde o matrimonio é a máxima a perseguir, non é a mesma que condena a Antonia a ser vista como unha outsider na súa propia familia?

 

Se ollásemos á súa filmografía como o resultado dun tapiz aínda inacabado, poderíamos ollar diferentes manifestacións artísticas (delirios de conquistadores, confesións familiares, etc.) que existen en tanto a que é Laura a cineasta que tece. “Gústame tecer porque ninguén me manda”, di unha das mulleres de La Libertad, unha frase que semella a da propia Laura, erguéndose contra un cinema maioritariamente dominado por unha ollada masculina, branca e europea.

 

Cómpre, pois, deixar as letras e pasar ás imaxes e á voz. O cinema de Laura Huertas Millán ten voz propia e un texto sempre será incapaz de englobar ou resumir a multiplicidade dimensional que este abrangue. Así, pensemos nestes parágrafos non como un comentario sobre a súa filmografía, senón como un convite a mergullarnos na mesma. Sen prexuízos, cos ollos abertos, e coa mente esperta.


Laura Huertas Millán é unha artista e cineasta franco-colombiana. Doctora en artes visuais da Universidade PSL (programa SACRe), fixo parte dol Sensory Ethnography Lab da Universidade de Harvard. As súas películas entrelazan a etnografía, a ecoloxía e a ficción, narrando diferentes estratexias de supervivencia, de resistencia e de resiliencia contra a violencia. As súas obras foron presentadas en festivais de cine internacionais como Viennale, Toronto, New York Film Festival, Rotterdam, La Habana, FICValdivia ou Cinéma du Réel; e foron premiadas no festival de Locarno, FIDMarseille, Doclisboa e Videobrasil, entre outros. Retrospectivas dos seus filmes foron presentadas na cinemateca da Universidad de Harvard, CCA (Glasgow), CA2DM (Madrid), Festival de Mar del Plata, ICA (Londres), Flaherty Seminar e na Cinemateca de Toronto. Entre as súas exposicións e proxeccións colectivas destacan o “Future Generation Art Prize” exposición paralela á Bienal de Venecia (2019), FRONT Triennial (Cleveland, 2018), “Nuevos Nombres” Banco da República de Colombia (Bogotá, 2018), “Prospectif Cinéma” Centre Pompidou (París, 2017), “À la lisière du quotidien” Jeu de Paume (París, 2017) e “Tropical Uncanny” Guggenheim Museum (Nueva York, 2014).

Ler máis Ver menos

Púlsar 2

Actividade en colaboración con: 

NUMAX

Duración: 80m 00s

La Libertad

A liberdade

Laura Huertas Millán

  • 2017
  • 31:00
  • Francia, Colombia
  • DOC, EXP
  • COR

Un matriarcado reuniuse arredor do tear de cintura, unha técnica prehispánica de tecido preservada durante séculos polas mulleres indíxenas en Mesoamérica. A Liberdade desenvólvese como un tecido das figuras e xestos que constitúen esta labor, circulando entre un espazo doméstico, un museo de arqueoloxía e unha cooperativa. Varias comunidades e ecoloxías entrelázanse en torno á artesanía: buscando evocando, articulando, expandindo a noción de liberdade.

Sol Negro

Sol Negro

Laura Huertas Millán

  • 2016
  • 43:00
  • Francia, Colombia
  • DOC
  • COR

"O título (Sol negro) evoca tanto a eclipse solar como "a bile negra" á que os médicos atribuían os impulsos melancólicos e suicidas na Antigüidade, especialmente cando afectaban aos artistas. Aquí tales impulsos terminan impactando la existencia de Antonia, unha cantante de ópera cuxa beleza escura ilumina a película. A través dunha posta en escena discreta e elíptica, Laura Huertas Millán presenta a personaxe polifacética de Antonia. Os lazos familiares son explorados delicadamente, non tanto como a orixe do mal, senón como unha especie de polifonía introspectiva: óense as voces da tía, a nai e a filla (a mesma directora) mentres esta última loita, a través da ficción, para escapar do destino da súa familia". C. Guénot (FID Marseille)

jeny303

jeny303

Laura Huertas Millán

  • 2018
  • 06:00
  • Francia, Colombia
  • DOC
  • COR

Nada dun "azar obxectivo" (un rolo de 16 mm no que dous suxeitos diferentes foron impresos por erro), jeny303 é un relato híbrido que entrelaza dous retratos. Por un lado, está Jeny, o alter ego feminino dun millenial transxénero que afronta unha adición á heroína. Polo outro lado, está o edificio 303, unha arquitectura modernista icónica nunha universidade pública de Bogotá (Colombia). As imaxes do corpo e do edificio entrelázanse para representar a unha personaxe no limiar dunha transformación por vir.