Filmes

Todos os filmes

Filmed by Peter Greenaway

Cinema e pintura. Hedonismo e simetría

Se Godard dicía que o cinema eran 24 verdades por segundo, Peter Greenaway semella apuntar á eternidade. O seu cinema non busca construír unha historia ao longo da metraxe do filme, senón crear imaxes, xerar unha estética que fique no espectador unha vez os títulos de crédito saen. Non é de estrañar que, ata que descubriu os filmes de Ingmar Bergman e comezou a adicarse á sétima arte, a súa verdadeira fascinación era a pintura, profesión á que se quixo adicar. No seu máis de medio século de profesión coma director, Greenaway experimentou con todos os formatos, denunciando a aqueles que consideraban o cinema como unha mera ilustración do texto e levando a composición visual a cotas antes non acadadas de refinamento formal.

Firme defensor de que os pintores coma Velázquez, Vermeer ou Rembrandt foron os que inventaron a linguaxe do cinema, Greenaway busca inspiración entre eles reinterpretando e adaptando os xogos coa luz, as texturas da imaxe ou a profundidade do campo a un cinema con claros signos de autoría. A súa admiración por estes acada, a finais da década dos 2000, o seu punto máis alto cando realiza un documental, un biopic e unha videoinstalación arredor da figura de Rembrandt e o cadro A rolda de noite. Unha obra que Greenaway, acusándonos de ser uns ignorantes visuais cegados polo texto, analiza pormenorizadamente desvelando as tramas de conspiración e misterio agochadas na obra de Rembrandt. Esta imaxe icónica, un dos cadros máis coñecidos e vistos da historia da arte, convértese aquí no escenario dunha investigación policial retratada polo pintor neerlandés a golpe de óleo e que Greenaway descubre ao espectador.

A intriga rodea todos os filmes do director británico que, aínda que se define como un defensor á ultranza da imaxe fronte ao texto, non pode negar o seu talento á hora de escribir. Os seus filmes debuxan historias que xiran arredor de temas coñecidos: luxuria, asasinatos, conspiración; con todo, estas ocorren nun universo estraño onde un mínimo evento pode disparar toda unha serie de tráxicas circunstancias: incluso un simple cisne branco.

Peter Greenaway é un director que non agocha os seus fetiches, senón que os amosa con afán case exhibicionista. A cámara nos seus filmes permanece firme, capturando a realidade coma se o director estivese a pintar o lenzo mentres todo ocorre, ou, pola contra, móvese con precisión, en olladas horizontais que parecen percorrer a escena como se fose o escenario dun teatro. Tamén o director ten gusto pola simetría, un fetichismo obsesivo que percorre toda a súa obra de forma moi evidente. Greenaway, agora convertido nunha sorte de arquitecto que reinterpreta espazos xa construídos, dispón coa súa cámara o espazo para obter unha simetria perfecta enmarcada entre columnas, grandes escaleiras de mármore ou estatuas.

Porén, se unha característica destaca no cinema do director británico é o seu gusto polo hedonismo. Os seus filmes están cargados de personaxes conducidos por unha sexualidade digna dos sátiros gregos, así como abondan os raptos sexuais e o adulterio que, en ocasións, remiten directamente á mitoloxía grega. Mais non todos os praceres en Greenaway son sexuais. Tamén a comida e o alcol son tentacións ás que as personaxes centrais en filmes como  O cocinero, o ladrón, a súa muller e a súa amante ou O vientre do arquitecto deberán resistirse. Este hedonismo, ás veces agresivamente violento e pornográfico, desemboca nun final no que Greenaway, agora convertido en testemuña e xuíz, coma o Rembrandt agochado en A rolda de noite, xulga e determina o final para as personaxes que el mesmo creou e os vicios que el lles outorgou.

Ler máis Ver menos