Filmes

Todos os filmes

Curmaos

Dende hai un lustro, Curtocircuíto mantén un forte compromiso co cinema e a cultura portuguesa que se materializa nesta edición a través do programa Curmaos, que busca potenciar a fraternidade entre Galicia e Portugal e ratificar a fortaleza da Euro-rexión Atlántica en materia cultural. Esta afinidade vense traducindo en diferentes accións, como a presencia de xurados portugueses (os directores João Nicolau e Pedro Maia, a programadora e distribuidora Salette Ramalho ou a actriz Ana Moreira), a atención do festival pola emerxencia das novas olladas na sección Púlsar (que xa foi adicada a João Salaviza, Ana Vaz ou Gabriel Abrantes) ou en retrospectivas, como a adicada á produtora O som e a fúria, representante da forza do cinema portugués e unha das produtoras portuguesas con máis percorrido, así como unha media de 6 filmes lusófonos na Sección Oficial do festival.

 

Esta liña de acción transcende a propia programación e engloba iniciativas como a colaboración de Curtocircuíto con festivais de cinema como Vila do Conde, PortoPostDoc e IndieLisboa, ou na presencia de bandas portuguesas como Ricardo Remedio ou Equations, nos concertos musicais do festival.

 

Por primeira vez, Curmaos cristalízase nunha sesión panorámica que pon a atención no cinema lusófono do último ano.

 

Todas estas accións véñense desenvolvendo coa colaboración e coa cofinanciación do Instituto Camões.

Ler máis Ver menos