Blog

Volve a Noite Curta, o cine de verán de Curtocircuíto

Novas

O vindeiro 14 de agosto levaremos de novo o cine de verán ao centro histórico compostelán na nosa popular Noite Curta, unha sesión gratuíta ao aire libre na que proxectaremos unha selección especial de filmes deseñada polo noso equipo de programación.  

Na sesión, que terá lugar ás 21h45 na Praza das Praterías, poderedes ver unha escolma dalgúns dos filmes máis destacados da pasada edición do festival, marcada pola diversidade de procedencias (Finlandia, Dinamarca, EUA, Canadá, España…) e a variedade de xéneros (ficción, animación ou experimental).

A selección está composta por pezas como Solar Walk, da exitosa directora e animadora húngara Réka Bucsi, que se fixo co premio Radar na pasada edición do festival; Fauve, do canadense Jérémy Comte, na que se narra a historia de dous nenos que se mergullan nun xogo de poder aparentemente inocente coa natureza como única observadora; Saladdin Castique, de Anssi Kasitonni, mención especial do Xurado Novo 2018; Glucose, na que o director Jeron Braxton nos presenta unha viaxe surrealista a través do soño dun personaxe dun videoxogo que quedou fóra de combate durante unha partida; e A nena azul, un drama con tintes de cinema fantástico producido en Galicia e dirixido pola naronesa Sandra Sánchez, que se fixo coa mención especial do Xurado Galiza e o Premio CREA á mellor dirección galega da última edición de Curtocircuíto.

Esta Noite Curta preparará ao público para a 16ª edición do festival, que celebraremos entre o 28 de setembro e o 6 de outubro. O acceso será gratuíto e en caso de condicións meteorolóxicas desfavorables anunciaremos nas nosas redes sociais un emprazamento alternativo para as proxeccións. 

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que continuará desvelando os contidos da súa programación nas próximas semanas, está organizado polo Concello de Santiago e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, a AGADIC e o ICAA.