Blog

Dos personaxes extremos

Editorial

En Curtocircuíto 2018, os personaxes extremos aparecen como fío de unión entre Ulrich Seidl, Roberto Minervini e Bertrand Mandico. Personaxes hipersexualizadas, violentas e fanáticas danse cita nas retrospectivas desta edición.

Dog Days, de Ulrich Seidl

Sempre tentando abrir novas lecturas do cinema á vez que se busca poñer en valor cineastas xa consagrados, as retrospectivas de Curtocircuíto adoitan xuntar diferentes formas de filmar. Porén, baixo a pel, de forma case invisible, aparecen unións, camiños por percorrer que nos permiten saltar dun autor ao outro. Neste 2018, os personaxes extremos aparecen como fío de unión entre Ulrich Seidl, Roberto Minervini e Bertrand Mandico. Personaxes hipersexualizadas, violentas e fanáticas danse cita nas retrospectivas desta edición.

Que Ulrich Seidl dixese que o de Trump xa se vía vir non é algo que colla por sorpresa aos espectadores do austríaco; se hai alguén con capacidade para penetrar e descifrar ás persoas máis extremas, ese é Seidl. Na súa filmografía conviven beatos, sadomasoquistas, coleccionistas de memorabilia nazi e ananos. Seidl, facendo bandeira do plano fixo, é capaz de entrar dentro de cada unha destas persoas para captar a súa esencia. Cínico para algúns, a virtude do responsable de filmes polémicos como Die Letzten Maenner é conseguir superar o sistema da “mosca na parede” de directores como Frederick Wiseman, e acompañar aos seus protagonistas por onde eles consideren sen censurar ou xulgar. Entrar na obra de Seidl é facer un exercicio de autocoñecemento, xa que son os nosos prexuízos e as nosas ideas preconcibidas as que nos poñen nunha situación incómoda, non o realismo ou a naturalidade que o director consegue.

The Bosom Friend, de Ulrich Seidl

Visceralmente oposto a este realismo, Bertrand Mandico emerxe como un Rei Midas hipersexualizado capaz de converter calquera historia nunha nebulosa psicodélica poboada por xenitais de todo tipo. O seu cinema mestura narrativas sinxelas con universos extremadamente estetizados. Neste contexto as personaxes dos seus filmes resultan seres excesivos que fan parte de lugares inverosímiles e igualmente desmesurados, van desde cabarets onde o número principal é unha sorte de colonoscopia ata a aforcamentos públicos pasando por triángulos de amor protagonizados por dúas actrices e un cerebro fálico que xorde na natureza. Todo isto conforma unha galaxia de imaxes que van dos pesadelos ás fantasías sexuais máis freudianas que converten os filmes de Mandico en únicos.

Notre-dame des Hormones, de Bertrand Mandico

Lonxe desta estética tan marcada e artificiosa, Minervini navega entre a ficción e o documental para retratar a América máis profunda. O italiano achégase ao rural do sur estadounidense para filmar o estado desa sociedade desde historias, aparentemente, sinxelas: historias arredor da xuventude, do amor, do abandono. É un cinema que, nesta toma de pulso coa realidade, topa cos extremos da realidade: o fanatismo patriótico daqueles esquecidos polo seu país, e a esperanza improbable daqueles que queren chegar alí. Minervini filma unha realidade que semellamos non querer ver, unha realidade polarizada e racista onde a ignorancia é un valor que se exhibe incluso desde a Casa Branca desde a que se incita un fanatismo que fai bandeira do uso de armas en nome da defensa persoal, mentres calman as súas problemáticas mentes nos paraísos artificiais xerados polas drogas ou a relixión. Ante isto, e fronte á frialdade do encadre fixo e simétrico de Ulrich Seidl que parte dunha rixidez que adquire máis forza coa duración do plano, o italiano achégase á realidade desde unha perspectiva máis próxima, buscando non tanto a redención como a comprensión das mentes dos protagonistas.

Louisiana (The Other Side), de Roberto Minervini

Tres formas de aproximarse aos espazos máis escuros do carácter humano que fan visible o interese de Curtocircuíto por moverse polas fendas, iluminando naqueles recónditos espazos onde a sociedade e a mente humana só se amosan de forma sincera e honesta ante o cinema.