Blog

Curtocircuíto presenta Arredor do Son II, o seu programa máis interdisciplinario

Novas

Profesionais e artistas recoñecidos internacionalmente como Martin Messier, Jacob Kirkegaard, José Luis Espejo, Jessica Sarah Rinland, Amanda Villavieja, Charly Schmukler e o colectivo Playtronica formarán parte da programación desta edición.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine presenta a programación de Arredor do Son II, unha sección creada na pasada edición para dar protagonismo ao son como parte esencial na creación cinematográfica. Este conxunto de actividades céntrase nesta ocasión no binomio natureza/tecnoloxía, buscando posibles puntos de conexión entre estes dous ámbitos que, a priori, poden parecer contrapostos. Temas estes que estarán presentes tamén ao longo da programación cinematográfica do festival, que terá na etnografía experimental unha constante.

Nesta segunda entrega do programa, Arredor do Son volverá reflexionar sobre a importancia deste medio fronte á imaxe no mundo do cinema, e tamén como linguaxe e vehículo de expresión noutras disciplinas. Para iso a dirección artística do festival levou a cabo, coa colaboración do artista sonoro e investigador galego Xoán-Xil López, unha escolma de propostas que achegarán ao público ao acto de escoitar. O prazo de inscrición nestas actividades abrirase nos próximos días a través da web do festival.

 

Arredor do Son II: encontros, performances e formación

O artista canadiense Martin Messier traerá á inauguración de Curtocircuíto 2018, o próximo sábado 29 de setembro, a súa aclamada performance audiovisual FIELD. Nela, partindo dos sinais producidos polos campos electromagnéticos omnipresentes na nosa contorna, creará unha composición mediante a transformación destas emisións eléctricas facendo visible o que normalmente é inaudible e imperceptible. As entradas para asistir á inauguración do festival poderán retirarse no despacho do billetes do Teatro Principal a partir do venres 21 de setembro ás 18:00h.

Martin Messier

Ademais, dentro dos encontros deste Arredor do Son II, contaremos coa presenza do artista danés Jacob Kirkegaard, un dos máximos expoñentes da arte sonora actual, que centra a súa obra nos aspectos científicos e estéticos da percepción do son. Nas súas instalacións e performances utiliza unha coidada selección de paisaxes sonoras, como as vibracións subterráneas dun géyser ou os sons reverberantes das habitacións abandonadas en Chernobyl, coa finalidade de reflexionar sobre o delicado equilibrio do medioambiente. En Curtocircuíto, achegarémonos a este enfoque coa súa conferencia A Matter of Sound e da performance/instalación MELT, na que parte de gravacións de campo dun glaciar para facernos conscientes do constante cambio da natureza e do efecto das accións humanas no mundo que nos rodea.

Nesta liña sitúase tamén a conferencia do investigador José Luis Espejo e a cineasta Jessica Sarah Rinland, que conversarán co público arredor do imaxinario visual e sonoro que acompaña a un animal mítico como é a balea. Espejo centrou as súas investigacións nas relacións que existen entre a arte e a cultura de escoita, un traballo que se manifesta no comisariado de exposicións ou nos múltiples radio-ensaios que levou a cabo para a radio do museo Reina Sofía. Pola súa banda, a balea é un animal que estivo sempre presente na filmografía de Jessica Sarah Rinland (a quen se adica, ademais, a sección Púlsar en Curtocircuíto 2018), como un punto de partida que lle permite tratar cuestións vinculadas coa ecoloxía, a historia, a representación dos animais no cinema, o medioambiente ou os cambios culturais.

Jacob Kirkegaard e Amanda Villavieja

A parte máis formativa de Arredor do Son correrá da conta de Amanda Villavieja e Charly Schmukler, dous referentes do son no cinema en España.  Villavieja, que no obradoiro Caligrafías sonoras. Distintos modos de representar o mundo partirá do reto de filmar a realidade para crear unha posta en escena sonora, é unha das máis destacadas sonidistas de directo do cinema de non-ficción e ten traballado con profesionais como Isaki Lacuesta, José Luis Guerín, Mercedes Álvarez ou Oliver Laxe. Pola súa banda, Schmukler, máis centrado no cinema de ficción industrial, será o protagonista dun obradoiro no que achegará aos asistentes ao deseño sonoro e á súa capacidade narrativa, tanto no ámbito do cinema coma no dos videoxogos. Na súa longa traxectoria profesional ten compartido traballo con creadores e creadoras como Oliver Stone, Benicio del Toro, Julio Médem, Isabel Coixet, Marcelo Piñeyro ou Alex de la Iglesia. Este seminario enmárcase na colaboración que Curtocircuíto repite con  ECAM - Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid.

Playtronica

Para rematar, o colectivo Playtronica, que reúne artistas rusos e franceses, ofrecerá un dos pratos fortes do festival cun taller infantil, unha conferencia e as súas dúas performances: 16 Pineapples e Symphony for Urbanities. Playtronica buscan crear experiencias inmersivas nas que se funden o contacto físico, o son e a tecnoloxía, dotando aos obxectos cotiáns dunha nova identidade e convidándonos a explorar de forma creativa diferentes modos de relacionarnos co mundo que nos rodea.