Blog

Desvelamos a nosa competición estatal e unha retrospectiva a Roberto Minervini

Novas

Presentamos un foco na obra do cineasta italiano, que na última década retratou con grande sensibilidade a América profunda, e as sete películas da sección Penínsulas

Louisiana - The Other Side, Roberto Minervini (2015)

Sumamos ás nosas retrospectivas desta 15ª edición, que se desenvolverá entre o 29 de setembro e o 7 de outubro, ao italiano Roberto Minervini, director que na última década tomou o pulso á rabia da América profunda nos seus filmes. Afincado en Texas, o cineasta vén de competir na Sección Oficial de Venecia con What You Gonna Do When the World’s on Fire?. Ademais, revelamos tamén os sete filmes que conformarán Penínsulas, a nosa sección de cinema español, e facemos pública a nosa imaxe para este ano, inspirada no territorio como lugar por descubrir, do mesmo xeito que a programación busca películas que exploren non só realidades descoñecidas, senón novas formas de facer cine.

Roberto Minervini (Fermo, 1970) acadou o aplauso da crítica pola súa capacidade para realizar retratos poéticos e hiperrealistas das comunidades marxinadas dos Estados Unidos. Con filmes previos como Louisiana - The Other Side (2015) ou Stop the Pounding Heart (2013), Minervini competiu en festivais como Cannes e conseguiu o Premio David di Donatello da Academia do Cine Italiano. O integrismo relixioso e as problemáticas das drogas e as armas marcan estes rexistros da América máis conservadora, realizados sempre co galego Diego Romero Suárez-Llanos na dirección de fotografía. En palabras do autor: “quería explorar as raíces desta nova vaga de violencia política que está destruíndo o país. Para min era moi importante escoitar esa rabia e fun ata o seu núcleo”.

Poderemos ver en Santiago de Compostela unha escolma das longas de Minervini, con pezas como Low Tide e The Passage, ademais das mencionadas anteriormente.

Segundo Pela del Álamo, director de Curtocircuíto, “unha das virtudes de Minervini é a capacidade que ten de traballar directamente coa realidade máis crúa. É quen de conectar coa ferida do outro e, dende aí, construír unha relación persoal ao tempo que un relato fílmico. El e Diego Romero son un tándem único. Penetran nos submundos texanos para extraer deles a dor e a beleza da América profunda.”

 

Penínsulas: vangarda cinematografica arredor do documental e a etnografía

Facemos públicos tamén os filmes que formarán parte de Penínsulas, a sección adicada á posta en valor da vangarda cinematográfica española. A selección está marcada pola presenza de directoras e directores novos pero con percorridos importantes no circuíto de festivais, así como pola exploración de novas formas nos campos do documental e a etnografía. Nesta última liña, poderán verse en Curtocircuíto películas como a recentemente premiada no festival de Locarno Los que desean, de Elena López Riera, centrada nos rituais da colombicultura na Vega Baixa (Valencia) ou 592 metroz goiti, na que Maddi Barber retrata o territorio transformado pola construción dunha presa no Pirineo navarro. A exploración da realidade rural do val de Karrantza (Biscaia) ocupa Perrolobo (Lycisca), do catalán Gerard Ortín, mentres Porque la sal, de Cardozo Basteiro, se adentra nos cinematográficos escenarios de Las Salinas (Almería), un poboado creado para a extracción de sal no que hoxe só quedan oito familias. Nun ámbito diferente destaca a presenza da gañadora do Premio Goya 2018 á Mellor Curta Documental, Los desheredados, filme de Laura Ferrés no que grava ao seu pai no momento en que se enfronta ao peche da empresa familiar, unha compañía de autobuses, incorporando elementos de ficción a un retrato familiar. Ese recurso emprégao tamén dende outro ángulo Guillermo Benet en Los inocentes, único filme de ficción pura da sección. Nel inspíranse nun indicio nunca resolto do documental Ciutat Morta para ficcionar a experiencia duns rapaces acusados de asasinar un policía logo dun desaloxo. Pecha a escolma Aliens, de Luis López Carrasco, retrato de Tesa Arranz, cantante dos Zombies e figura fundamental da movida madrileña. Nela confronta as pinturas de alieníxenas que Arranz realiza cos seus recordos, poemas e diarios.