Blog

Curtocircuíto presenta a obra cinematográfica de Alberto García Alix e Stuart Staples

Novas

A décimo cuarta edición de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine amosará o traballo feito desde detrás da cámara do músico Stuart Staples e o Premio Nacional de Fotografía Alberto García-Alix.

A décimo cuarta edición de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine amosará o traballo feito desde detrás da cámara do músico Stuart Staples e o Premio Nacional de Fotografía Alberto García-Alix. Segundo o director, Pela del Álamo dentro da filosofía do festival “é importante amosar os traballos de creación periféricos de cada artista en diálogo con outras disciplinas que non son as súas naturais. Curtocircuíto debe buscar os lugares de cambio, de diálogo e incluso de incomodidade”.

O músico inglés Stuart Staples, coñecido internacionalmente como cantante da banda de rock alternativo Tindersticks, elixiu o festival compostelán para estrear en España o seu filme Minute Bodies: The intimate world of F Percy Smith. Para del Álamo, “é moi interesante ver cómo Stuart Staples, sendo músico, ten a capacidade de reinventar as imaxes de F. Percy Smith para dotalas dese pouso de melancolía e brillantez que tamén impregna a súa música”.

Unha obra reflexiva que homenaxea o traballo realizado a principios do século XX polo naturalista, inventor e pioneiro na dirección de documentais F. Percy Smith quen desenvolveu técnicas cinematográficas para capturar os segredos da natureza en acción.

Alberto García-Alix cambiou a cámara de fotográfica pola cámara de cine para dirixir De donde no se vuelve e Un horizonte falso, dúas películas que se poderán ver en Curtocircuíto. O célebre fotógrafo participará nun coloquio posterior á proxección e tamén formará parte do xurado da sección Radar do festival compostelán. Pela del Álamo definiu a García-Alix como “un artista que, desde a escuridade do underground, tivo a capacidade de transcender o seu propio universo para chegar ao grande público. Ese espírito canalla e, á vez, rigoroso e disciplinado, representa moi ben o espírito de Curtocircuíto”. Un espírito canalla que entronca coa presenza doutros convidados como o director francés F.J Ossang a quen o festival lle adicará unha retrospectiva e a banda pioneira do kraut rock faUSt que actuará por vez primeira en Galicia.

O fotografo leonés, Premio Nacional de Fotografía en 1999, foi o fotógrafo que mellor retratou a contracultura e a movida madrileña nos anos 80, e é internacionalmente recoñecido por unha obra que evolucionou ao longo dos anos, e que foi obxecto de retrospectiva en 2008 no Museo Reina Sofía.