Actividades

Todas as actividades

Canteiras

CGAC

01.10.2019 | 10:30 a 12:30 h

Entrada de balde para centros ata completar capacidade | eventos@curtocircuito.org

Prazas: 200

Canteiras é unha actividade integrada na programación de Curtocircuíto co obxectivo de poñer en valor iniciativas de educación para o cine dentro da nosa comunidade e dos centros educativos de toda Galicia.

Dende Curtocircuíto consideramos a alfabetización audiovisual como un dos factores chave na formación de futuros espectadores e creadores, de artistas, autores e actores e de públicos críticos e reflexivos. É por iso que queremos consolidar Canteiras como bisagra entre iniciativas de educación para o cine punteiras no sector e centros que desexen incorporar a educación para o audiovisual na bagaxe dos seus educandos. Canteiras pretende ser a mostra, a posta en valor e a promoción de prácticas modélicas que capacitan ao alumnado para coñecer, interpretar e expresarse a través da creación audiovisual e a reflexión entorno ao audiovisual. 

A idea básica é a de facer confluír varias das iniciativas do ámbito da educación para o audiovisual que se desenvolveron nos últimos cursos nun centro educativo de Galicia, e que as alumnas e alumnos compartan experiencias, intercambien ideas, formas de proceder, enfoques, perspectivas, modelos, propostas, percepcións, opinións, conclusións e dúbidas, de maneira que persigamos fomentar o diálogo entre iniciativas de calidade que promoven a alfabetización e a creatividade audiovisual dentro da comunidade galega.

Sería como unha especie de 1x1 no que primeiro se presentaría cada unha das iniciativas por separado e logo ábrese unha mesa de debate para que os alumnos e profesores poidan preguntarse dúbidas uns sobre outros, poñer en común problemas, concrecións ou especificidades que atopen no duro e extraordinario camiño que desde estas iniciativas percórrese co fin de realizar a educación para a o coñecemento, o goce, a vinculación afectiva e a creación audiovisual.

Contido da sesión

  1. Presentación do centro e dos proxectos audiovisuais levados a cabo nos últimos cursos.

  2. Selección de pezas a proxectar.

  3. Coloquio arredor da experiencia de realización das pezas por parte dos participantes.