Actividades

Todas as actividades

#OutraCompostela

Do 28 de setembro ao 6 de outubro | Santiago de Compostela

#OutraCompostela é unha actividade enfocada cara a educación vocacional e profesional no ámbito do cine, deseñada e programada por Curtocircuíto. Xorde froito da colaboración entre o Festival Curtocircuíto, a Universidade de Santiago de Compostela, a Santiago de Compostela Film Commision e a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo

A quen vai dirixida? 

A actividade, fixada en cada edición do festival e que goza de carácter creativo e experimental, está dirixida ao alumnado da USC, en concreto da Facultade de Ciencias da Comunicación (Graos de Periodismo, Comunicación Audiovisual e dobre grao). 

En que consiste? 

O alumnado participante elaborará unha peza audiovisual que lle permita levar á práctica os coñecementos e habilidades adquiridos na facultade. Esta é unha experiencia na que se dá a oportunidade de asumir a experimentación e o risco. 

A temática desta edición: o emprego da imaxe como rexistro de distintas realidades

Nesta edición, o concurso centrarase na obra fotográfica de Joan Fontcuberta, convidado especial de Curtocircuito 2019 e pai da postfotografía que reflexiona sobre os múltiples significados da imaxe e a multiplicidade de significados da mesma. Partindo de traballos como Sputnik, inspirarémonos para reflexionar sobre o fake e a imaxe, tomando Santiago de Compostela como escenario posible para calquera realidade.

Cómpre ter en conta a metodoloxía de traballo do fotógrafo:

  • A interpretación libre das imaxes.

  • O traballo con metraxe e vídeo atopado (o festival facilitará os recursos precisos para isto).

  • O collage, a manipulación e a importancia da montaxe.

Condicións para participar

  • A participación farase por equipos, cun máximo de 5 equipos compostos por un mínimo de tres persoas e un máximo de cinco persoas cada un.

  • Todas as pezas audiovisuais deberán ser gravadas na cidade de Santiago de Compostela. 

  • A Facultade de Ciencias da Comunicación fará préstamo dos equipos precisos para a realización das pezas: i-Right - microfonía - pértiga - cable - edición/postprodución.

  • Cada participante recibirá, só pola súa participación, un abono de proxeccións para a 16ª Edición de Curtocircuíto. 

  • Só os participantes que pertenzan á Facultade de Ciencias da Comunicación poderán obter 1 crédito ECTS pola súa participación en Outra Compostela. O recoñecemento do crédito está suxeito á tramitación positiva do mesmo por parte da Universidade.

  • O alumnado que queira participar, deberá enviar os seguintes datos de cada un dos integrantes do seu grupo ao enderezo de correo info@curtocircuito.org

    • Nome e apelidos 

    • Teléfono

    • Mail

    • DNI 

    • Curso e grao no que está matriculado

Requisitos das pezas audiovisuais

  • A duración mínima das obras presentadas será de 3 minutos e, a máxima, de 5 minutos. 

  • Cada unha das pezas deberá enviarse a través de Wetransfer ou calquera outra plataforma de envío de datos e arquivos online.

  • A data límite para o envío das pezas será o venres 4 de Outubro ás 23:59 horas

  • As especificacións técnicas para a entrega das pezas serán as seguintes:  

    • Arquivo dixital .mov ou .mp4

    • Resolución FULL HD 1920 × 1080 ou HD 1280 × 720

    • Códec H264

    • Bitrate dende 8000 a 40000 kbits

    • Audio AAC stereo a 384 kbps

    • O arquivo non poderá superar os 2 Gb de peso

    • O festival Curtocircuíto e a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, resérvanse o dereito a reproducir total ou parcialmente as pezas presentadas a concurso e os autores das obras aceptan, coa súa inscrición, as bases presentes.

    • Así mesmo, o festival Curtocircuíto resérvase o dereito a publicar, na páxina exclusiva de Tumblr Outra Compostela, as pezas participantes desta edición. 

Premios

  • O equipo gañador será anunciado na gala de Clausura da 16ª edición de Curtocircuíto, que terá lugar o 6 de Outubro ás 20:30 no Teatro Principal. A asistencia á gala será de balde, previa retirada da entrada no despacho de billetes do Teatro Principal. 

  • O grupo que resulte gañador do concurso, recibirá un curso de formación para cada un dos integrantes do equipo de traballo na Escola Unitaria

Para máis información: info@curtocircuito.org