Filmes

Todos os filmes

Púlsar - Teddy Williams

Himnos xuvenís

 

Non semella unha loucura enfrontarse as seis películas que conforman a filmografía de Teddy Williams (cinco curtas e a súa primeira longametraxe, O auxe do humano), coma quen se senta a estudar as distintas dobreces dun mapa que, unha vez desenvolvido ante os nosos ollos, permítenos seguir o percorrido dunha estraña irmandade de mozos, unha especie de comunidade errante e imberbe co seu propio universo de rituais, dialectos e mitos varios, tan fascinantes e hipnóticos coma incomprensibles e alleos. Case poderíamos atopar nesa cartografía sen fronteiras unha sorte de rexistro antropolóxico que nos envían dende unha civilización na que a pubescencia parecería o derradeiro refuxio posible fronte a barbarie do mundo adulto.

 

Nos últimos anos, poucas miradas ofrecéronnos un achegamento tan persoal e xenuíno como o de Eduardo «Teddy» Williams a ese estado case beatífico que rexen forzas divinas como a amizade, o hedonismo, o ocio e o desexo; se fixésemos o esforzo, quizais poderíamos falar do Larry Clark que, na belísima película Ken Park, presentaba a idea da adolescencia coma estado do pobo elixido que resiste aos envites da mesquindade adulta. Pero mentres que Clark argalla os seus filmes a partir dunha estraña tenrura punk e de xeito crepuscular, arrebatador e fatalista, Williams fálanos cun ton taciturno dende o NOSOUTROS (que non é un dato calquera), mediante unha batería de imaxes impregnadas de misterio, nas que todo, de forma inesperada, toma a forza e a fraxilidade dunha epifanía.

 

E da mesma maneira que non resulta conveniente ter a torpeza de achegarse a unha revelación con afán de interpretar, quen queira abordar os filmes de Williams con ánimo analítico verá, indefectiblemente, como a forza das súas imaxes disólvese ante os seus ollos.

 

Mesmo se transcorren en Francia, Serra Leoa, Mar del Plata, Vietnam, Mozambique ou Filipinas, os non-relatos errantes de Williams desbordan as convencións narrativas, lingüísticas ou xeográficas, funcionando como a cantaruxada doméstica dun grupo de rapaces perdidos, como os ideados por J.M. Barrie en Peter Par, criaturas caídas dos seus carriños por un descoido da súa neneira e que agora, dende o seu refuxio no País de Nunca Xamais, loitan por non chegar nunca a claudicar fronte ao cruel paso do tempo.

 

Fran Gayo, director do Festival Internacional de Cinema de Ourense

 

Ler máis Ver menos

Pulsar 2

NUMAX

Duración: 97m 00s

El auge del humano

O auxe do humano

Teddy Williams

  • 2015
  • 97:00
  • Arxentina, Brasil, Portugal
  • FIC
  • COL

En Bos Aires, Exe perde o seu triste traballo e xa non quere buscar outro. O seu barrio e os seus amigos parécenlle tan comúns coma descoñecidos. Por Internet, descubre a Alf, un rapaz de Mozambique que tamén ten un traballo triste. No seu devir, Alf tamén segue outro rapaz, Archie, que escapa á selva. No contexto exótico da vexetación, Archi segue o percorrido dunhas formigas ata o seu formigueiro. Unha das formigas sae e no seu percorrido atópase con Canh, un rapaz filipino que vai á súa cidade bela e descoñecida e que tamén ten un traballo triste. En Arxentina, Mozambique e Filipinas, tres mozos teñen traballos que os deprimen pero van abrindo as súas olladas cara outros elementos e puntos de vista dun mundo que antes non percibiran, abrindo as portas a un plano tan cotián coma máxico.

Estrea en Galicia