Música

Todos os concertos

Jupiter Lion + Pálida (live)

Sala Capitol |

22:30 h apertura de portas ás 22:00 h

Pálida: 22:30 h | Jupiter Lion 23:25 h

7 €

Jupiter Lion

Subir a un coche co depósito cheo, botarse á primeira autopista que se poña a tiro e acumular quilómetros sen mirar polo retrovisor. Ese é o espírito que moveu a Kraftwerk hai case 50 anos e semella ser tamén o punto de partida de Jupiter Lion, só que as autopistas que transita este trío valenciano non están en Alemaña senón alá arriba, entre Venus e Urano. Cabalgando dende 2011 unha supernova de kraut rock que condensa e libera enerxía de xeito alternativo, o fantástico primeiro disco do grupo para o selo Bcore contén seis excursións de psicodelia rítmica e hipnótica que fai que o oínte avance sen acougo. Jupiter Lion non acode a sucios trucos nin a épicas de postal, o seu é a combustión lenta e a cinemática máis atraínte, a que facía gozar aos fans de Stereolab ou Tortoise cando se poñían a cabalgar ao lombos da Gran Turbina do Motorik.

Pálida (live)

O crecente interese do vigués nelo (Durarará!!, Orquesta Metamovida) pola música electrónica lévao, a finais de 2013, a crear Pálida, un vehículo expresivo cunha marcada predilección polo directo, traballando sempre con hardware, sen ordenadores, e producindo a súa música en vivo. Este proxecto hiperactivo durante os dous últimos anos foi reinventando as súas pálidas artes ao tempo que definía uns sinais de identidade tan claros coma inclasificables. Os seus directos fusionan ambient techno, microhouse, noise e psicodelia en sesións intensas e hipnóticas, mentres que en cada traballo de estudio revela novas arestas da súa poliédrica creatividade.

Recentemente editou The clutch, o terceiro largo que marca un punto e á parte na súa traxectoria, renovando os seus votos cara a electrónica de pista e desenvolvendo un son máis fermoso e evocador que nunca, que lle valeu ademais o Premio Martín Códax da Música Galega en 2017, na categoría de electrónica.