Actividades

Todas as actividades

Escoitar é intimidade Arredor do Son

David Toop

Edificio ABANCA Cervantes

Sábado 7, Domingo 8 de Outubro | 10:00 - 14:00 h.

75 € (40 € alumnos USC)

20 prazas (2 alumnos USC)

“Nunha sociedade organizada arredor da medición psicolóxica, o poder da escoita é un poder potencialmente iconoclasta”, escribe William Davis en The Happiness Industry. “Hai algo de radicalidade no feito de favorecer o poder sensorial do oído dentro dun sistema político deseñado para o ollo”. Neste obradoiro, o compositor e escritor David Toop proporá diferentes estratexias que, partindo da escoita, nos permitirán achegarnos ao son no contexto da creación artística vista como unha ferramenta de resistencia ao cambio.

Escoitar a outros, ao mundo, é un comezo pero como organizarse, como ser activo, como colaborar a partires da escoita? É escoitar o acto de obter información auditiva propiamente ou é mellor entender a escoita como receptividade, atención, unha canle mediante a que rompemos os ríxidos formatos autoritarios sobre os que se estruturan os acontecementos?

Escoitar é tamén intimidade, o feito de que o son escarve fisicamente no corpo do que o escoita. É o acto de achegarse, unha implicación física. Escoitar atentamente o silencio doutra persoa é un dos actos máis íntimos que hai. Sen embargo, nunha época na que non se quere escoitar e que se move cara o dixital, onde a intimidade corre o perigo de volverse unha ilusión e perderse, como pode o acto de escoitar a intimidade sobrevivir?

“Véxovos morrer de aburrimento”, escribiu a pioneira do monólogo interior, Dorothy Richardson, en Revolving Lights (1923). “Sempre credes que a mente das persoas está en branco cando están en silencio e é ao revés”. Richardson defendía que todo na vida, especialmente as relacións, se xulga dun xeito máis acertado se se fai baseándose na calidade dos silencios intermedios. O silencio ínflase para conter incluso os xestos máis pequenos; o oído supostamente pasivo e fixo trasládase cara fóra, recolle. O proxectil de son dá a volta e o oído vólvese receptivo. Todos eses xiros son exercicios sobre como moverse polas fronteiras da práctica, como colaborar, como improvisar, como actuar sen actuar, como escoitar, entendéndoo como un ritual sen son.

Este obradoiro será impartido en inglés.

  • David Toop

    O traballo desenvolvido por David Toop dende 1970 atravesa as fronteiras do son, a escoita, a música e os materiais. Esta práctica abrangue a improvisación musical, a escritura, a creación sonora electrónica, a gravacións de campo, a organización de exposicións, a realización de instalacións de arte sonoro e a Ópera. Como escritor, foi editor asociado e columnista de revistas coma The Wire e The Face, e publicou sete aclamados libros, incluídos Rap Attack, Into the Maelstrom (seleccionado entre os mellores libros de música de 2016 por The Guardian), Ocean of Sound e Sinister Resonance, estes dous últimos traducidos ao español.

    Foi membro da banda The Flying Lizards e publicou 13 álbums en solitario con discográficas coma Obscure de Brian Eno, Samadhisound de David Sylvian ou ROOM40 de Lawrence English. As gravacións que realizou en 1978 sobre o xamanismo Yanomami foron editadas polo selo Sub Rosa baixo o título de Lost Shadows e mostrexadas para o próximo álbum de Björk.

    Tamén colaborou con numerosos artistas e músicos (Derek Bailey, Evan Parker, John Butcher, Max Eastley, John Zorn, Thurston Moore, etc.), organizou exposicións de arte, incluídas Sonic Boom e Playing John Cage e, na actualidade, é catedrático de Audio Culture and Improvisation (Cultura do Son e Improvisación) no London College of Communication.

    https://davidtoopblog.com/

    University of the Arts London

    Vibrophiles

    Wikipedia