Actividades

Todas as actividades

Paisaxe dorsal. Unha aproximación á etnografía sonora Arredor do Son

Nader Koochaki, Miguel Alonso, Xabier Erkizia

Edificio ABANCA Cervantes

Mécores 4 de Outubro | 16:30 - 18:00 h.

De balde, ata completar a capacidade

Que é da imaxe cando non se presenta como tal? Como actúan as disciplinas cando se desfiguran os límites dos seus territorios? Como editar materiais de traballo partindo dun proceso aberto sen reducilos a formas acabadas? Estas e moitas outras cuestións serán tratadas neste intercambio de ideas que xira ao redor do son na etnografía.

So hai uns anos que algunhas disciplinas, como a antropoloxía, deixaron de ser “xordas” para incluír o son tanto entre os seus “obxectos” de estudo coma entre as ferramentas utilizadas para xerar e transmitir o coñecemento. Partindo das investigacións realizadas por Miguel Alonso sobre a identidade sonora e da experiencia de Xabier Erkizia no ámbito das relacións entre escoita e cultura, entraremos no proxecto Paisaxe Dorsal. Nel, Nader Koochaki, artista e sociólogo, documenta o son dos rabaños da provincia de Guipúscoa. Considerando que este traballo se desenvolve poñendo certa resistencia ao pracer que as imaxes ofrecen ás retinas e tendo en conta que o fenómeno sonoro dos rabaños é unha experiencia fundamentalmente cinética, Paisaxe Dorsal preséntase coma mediador de estudo e coñecemento híbrido capaz de atravesar diferentes colectivos; o cine e o son, entre eles.

  • Nader Koochaki

    Nader Koochaki é licenciado en Socioloxía pola Universidade do País Vasco e, desde o ano 2008, desenvolve o seu traballo no ámbito artístico, no cal destacan as obras realizadas no campo do vídeo, da fotografía e do son. A súa práctica caracterízase por tentar superar as limitacións e obligacións da academia na busca do desenvolvemento dunha linguaxe propia. Ademais das exposicións nas que participou tanto colectivamente coma de xeito individual, é importante destacar a súa colaboración con artistas diversos coma por exemplo, Ibon Aranberri, Usue Arrieta e Vicente Vázquez, Ingrid Buchwald, Carme Nogueira e Kimia Kamvari.

    https://issuu.com/naderk/docs/sp_pdf

    http://mcbaprize.org/nader-koochaki-soineko-paisaia-dorsal-landscape-2009-2015-2/

  • Miguel Alonso

    Miguel Alonso Cambrón é músico, antropólogo e realizador audiovisual. Formouse entre Galicia, Cataluña e Bélxica e segue a aprender cousas con base en Pontevedra, onde traballa desde a súa produtora antropolóxica, Ab Origine. Como músico, participou en proxectos relacionados coa experimentación electroacústica e o fieldrecording, a música tradicional de matriz popular ou a improvisación (mglon, ubit ou Rocket in my pocket). Como investigador, traballou temáticas relacionadas coa socioacústica e a antropoloxía sonora, así como cuestións ligadas á historia do urbano e o periurbano. Como realizador audiovisual, participou nun feixe de proxectos documentais e de ficción ligados á divulgación e a experimentación. Forma parte da Sociedade Antropolóxica Galega e da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural.

    http://antropoloxiagalega.academia.edu

     
  • Xabier Erkizia

    Músico, artista sonoro, produtor e investigador independente. Durante os últimos 20 anos, participou nunha infinidade de proxectos sobre son e cultura da escoita, levando a cabo investigacións interdisciplinares tanto no País Vasco coma noutros países de Europa, América do Sur ou Asia. É membro fundador da asociación AUDIOLAB e do festival doutras músicas ERTZ, que se celebra desde hai 18 anos na localidade navarra de Bera. Compuxo máis de 50 bandas sonoras para cine, televisión, teatro e danza e como comisario, deseñou exposicións, seminarios, obradoiros e outros eventos para museos, centros de cultura, festivais e galerías. Colabora de xeito regular con varios medios escribindo artigos, reportaxes, ensaios e documentais para radio.

    http://erkizia.audio-lab.org/es/

    www.soinumapa.net