Actividades

Todas as actividades

O rastro audible. Da fonografía ao deseño sonoro Arredor do Son

Juan Carlos Blancas

Edificio ABANCA Cervantes

Mércores 4, 12:00 - 15:00 | Xoves 5, Venres 6 de Outubro, 10:00 - 14:00 h.

70€ (35€ alumnos USC)

12 prazas (2 USC)

Juan Carlos Blancas achegaranos ás estéticas, teorías e técnicas da creación fonográfica e da gravación de campo desde a súa extensa experiencia no ámbito da produción e do deseño sonoro para medios audiovisuais.

Unha gravación é, dalgunha forma, un rastro que nos permite acceder, de xeito directo ou indirecto, a unha experiencia pasada “emocional, intanxible e subxectiva”. Partindo desa premisa, Juan Carlos Blancas abordará a experimentación e a práctica fonográfica no contexto audiovisual tomando a creación e o deseño de sons para proxectos cinematográficos coma eixe central do seu obradoiro.

Desde un achegamento creativo á gravación de campo, trataranse aspectos teóricos, relacionados coa historia e metodoloxía da paisaxe sonora, e técnicos, centrados nos sistemas de captación e procesamento de audio, montaxe e fluxos de traballo de postprodución.

O material rexistrado durante as prácticas de gravación que se fagan no obradoiro servirá de materia prima para a elaboración de pezas sonoras. Os asistentes poderán utilizar os seus propios equipos ou usar os sistemas de gravación de campo dispoñibles para a ocasión.

  • Juan Carlos Blancas

    Juan Carlos Blancas especializouse na gravación de campo, actividade que conforma o punto de partida do seu traballo creativo, o cal se atopa entre a experimentación sonora e a música electrónica. Conta cunha ampla traxectoria en diferentes medios (música, cine, teatro, publicidade, etc.), así coma no deseño sonoro para proxectos artísticos; literarios, escénicos ou audiovisuais.

    Coma Coeval, editou múltiples rexistros e as súas composicións difundíronse en diversos formatos e contextos. Desde 2002, forma parte da Asociación Cultural de Arte Digital CRC, onde coordinou e impartiu obradoiros relacionados coa composición musical e a fonografía e, desde 2003, organiza o festival Sonikas. É profesor no mestrado en Composición Electroacústica e no mestrado en Composición para Medios Audiovisuais (MCAV), ámbolos dous impartidos no CSKG.

    http://juancarlosblancas.com

    https://c0eval.bandcamp.com

    https://soundcloud.com/coeval